A CUT entra no comité de FROIZ

338

Por vez primeira presentábase a CUT ás eleccións sindicais de supermercados FROIZ en Pontevedra. Despois dun traballo a conciencia, indo centro por centro, conseguimos lista para os dous colexios electorais: técnicos e administrativos e máis o de especialistas e non cualificados.

A CUT presentou en tempo e forma as dúas candidaturas, e dende a súa proclamación provisional comezaron as sorpresas. Estamos afeitos a que as empresas fagan manobras antisindicais para tombar as nosas listas, entendémolo porque non lles gusta a nosa presenza nos seus centros, non somos un sindicato ao que lle fai as listas a patronal; pero desta vez a empresa non fixo manobra algunha, foron outros sindicatos, nomeadamente, a CIG. Nun primeiro momento non fomos quen de crer o que chegaba aos nos oídos: “representantes da CIG están indo centro por centro a convencer a xente das listas da CUT para que se dea de baixa das mesmas”. A nosa reacción foi negar estes comentarios, non podía ser que un sindicato co que, máis ala das diferencias, únennos moitas cousas, estea a facer de patronal contra nós. Nunca antes nos pasara isto con ningún sindicato, e o peor é que foi certo.

Con esta práctica antisindical da CIG, sindicato que ten e ía ter igualmente a maioría absolutisima nos FROIZ  por moito que se presentara a CUT, as dúas listas presentadas pasaron a ter menos candidatas das precisas. Puidemos conseguir substitutas para a de especialistas, pero xa non para a de técnicos. A CIG continuou tentando tombar a nosa lista ata o día das eleccións; seica prefiren a compañía de Comisións Obreiras e UGT antes que a nosa.

Conseguimos chegar vivas ao día das eleccións e por primeira vez, e a pesar da campaña antisindical e demonizadora contra nós, entrar no Comité cunha delegada. Pode parecer pouco pero para nós simboliza a vitoria contra a mediocridade e sectarismo dalgúns. Durante estes catro anos imos dedicarnos a construír alternativas na defensa das traballadoras do FROIZ e farémolo con humildade e contando con quen se queira unir nesa loita. As siglas non significan nada, só os feitos.

As eleccións deron os seguintes resultados por colexios

ESPECIALISTAS E NON CUALIFICADOS:

CIG 8; UGT 3: USO 1; CGT 1; CCOO 1 e CUT 1

TÉCNICOS E ADMINISTRATIVOS (onde á CUT tombáronlle a lista):

CIG 4; UGT 1; CCOO 1; USO 1 e CGT 1

Felicitamos ao resto de forzas sindicais, nomeadamente á CIG e agardamos dela que utilice esta maioría para defender ás traballadoras, onde atopara, dentro da nosa modesta representación, o apoio da CUT; e agardamos tamén que abandone a súa actitude antisindical contra nós.