A Central Unitaria de Traballadoras logrou, malia todas as trabas da empresa, promover eleccións e obter representación na empresa Emprego Social S.L., un centro especial de emprego (empresa social sen ánimo de lucro) con sede en A Coruña.
Foi un camiño duro no que a xerencia da empresa exerceu presión sobre as traballadoras, persoas con diversidade funcional psicolóxica, en forma de coaccións e ameazas, chegando mesmo a promover un lista integrada polas coordinadoras da empresa.
Malia as moitas inxerencias empresariais no proceso o resultado na votación foi o seguinte: 2 EMSO, 2 CUT e 1 CIG.
“A CUT traballará para poñer couto aos abusos empresariais e traballar firmemente no empoderamento das traballadoras, creando conciencia de clase”
Con este resultado, a CUT asumirá a presidencia do comité co apoio da CIG. Nos 4 anos de mandato, a CUT traballará para poñer couto aos abusos empresariais e traballar firmemente no empoderamento das traballadoras, creando conciencia de clase e acompañándoas para que nun futuro as propias persoas con diversidade funcional poidan asumir a súa propia representación.
Por unha empresa libre de coaccións e respectuosa coas traballadoras e os seus dereitos!