CUT Ensino leva a loita ao Tribunal Supremo: fagámolo posible entre todas

294

Tras a publicación da vergoñenta oferta de emprego para a consolidación docente en 2022, na Central Unitaria de Traballadoras demos o paso de levar ante o xulgado do contencioso do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) a oferta de estabilización do persoal docente temporal dependente da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

A nosa loita por unha estabilización xusta do cadros de persoal docente remóntase ao 2017, e logrou a aprobación parlamentaria tras unha intensa loita nas rúas da Le 20/2021i para a Redución da Temporalidade nas Administración Públicas, que consideramos totalmente insuficiente, ao non achegar unha solución efectiva ao problema da temporalidade no sector.

Na aplicación da lei ao ámbito docente, for polo Ministerio de Educación ou for  pola Xunta, establecéronse unha serie de criterios de selección que non semellaban estar deseñados para encamiñar de forma efectiva  o proceso de estabilización. Denunciamos que o baremo establecido polo ministerio non contemplaba a experiencia como criterio crucial, pero tamén alertamos sobre a falta de rigor e insuficiencia no número de prazas presentadas pola Xunta a seren estabilizadas. A Consellería artellou unha estratexia para limitar ao máximo a oferta de prazas a estabilizar, xa que foi quen de introducir novas variables e criterios alleos á lei. Cónstanos tras recibir as actas da Mesa de Negociación que varios sindicatos presentes apuntaron queixas na mesma liña que as nosas e que son e foron ben conscientes da chapuza da Consellería no proceso. Porén as queixas limitáronse a iso: unha protesta en mesa sen crear estratexias para parala tanto a nivel informativo como de acción sindical. Quedamos sós a pesar de coñeceren perfectamente as trampas da Xunta de Galicia. 

Ligazón con acceso á entrada no BLOG da CUT-ensino do artigo de referencia 

O pasado mes de xuño, o estado habilitou a posibilidade de realizar unha ampliación da oferta de estabilización por concurso de méritos cunha nova convocatoria que debería publicarse antes do 31 de Decembro de 2023, segundo o RD 15/2023 do mes de xuño. A CUT ofertou á Consellería de Educación a retirada da nosa demanda no TSXG e o comezo dunha negociación de ampliación conforme ao novo Real Decreto. Nunca obtivemos resposta e nin Xunta nin sindicatos falaron sequera da posibilidade de emprendela en ningunha das mesas sectoriais celebradas dende entón. Ambos obvian a norma e dan por solucionado un conflito enquistado e sen solucionar. 

Veremos como ao longo deste 2024 a Xunta e sindicatos teñen que clasificar as prazas temporais en estruturais ou non, e veremos de que maneira artellan as novas contratacións no curso 2024-2025 ante esta obriga. O que temos claro é que imos pagar os de sempre: os máis precarios que de novo verán perigar o seu posto de traballo. 

Cremos que é cuestión de pouco tempo o anuncio da redución horaria e de rateos por cuestión electorais e de lóxica, ao seren a última comunidade en logralo en todo o estado español. Isto aliviará algo a situación, pero seguirá sen dar resposta á fraude na contratación temporal cometida e mantida no tempo. 

Para máis, a incerteza da situación dos tipos de contratación temporal, ante a nova ordenación de prazas en estruturais e non estruturais a partir do próximo curso, fai imprescindible un aumento de cadros de persoal que impidan outra nova onda de despedimentos de persoal docente.

RESOLUCIÓN DA AFILIACIÓN DA CUT: CONTINUAMOS A LOITA ATA O TRIBUNAL SUPREMO

A decisión de continuar co procedemento, tras a desestimación a pasada semana por parte do TSXG, foi consensuada pola coordinadora nacional da CUT Ensino, e refrendada cun amplo apoio manifestado pola afiliación tras a consulta a nivel interno. 

Seguimos a acreditar na necesidade de manter o empeño nesta campaña. A demanda interposta polo nosos servizo xurídico en contra das manobras da Xunta no seu afán de escaquear ao máximo o número de prazas ofertadas para o procedemento de estabilización. O sesgo político do xulgado do contencioso no TSXG leva a que a administración non se condene a si mesma como norma xeral, senón que derive o problema a instancias superiores. E nisto nos atopamos: imos presentar recurso ante o Tribunal Supremo, xa que estamos convencidas de que a falcatruada da Xunta de Galicia que sesga estabiliidade e anos de traballo ten que ter unha resposta no alto tribunal favorable ás traballadoras no cumprimento dunha lei de estabilización estatal. 

CONCAPA recurre el Real Decreto de enseñanzas mínimas de Educación ...

CAMPAÑA DE RECADACIÓN DE FONDOS

Como sindicato contrario ás correas de transmisión políticas e económicas e polo tanto non subvencionado, dende a CUT precisamos da vosa colaboración para cubrir os gastos da demanda no alto tribunal: procuradora, asesoría, desprazamentos e costas xeradas. Calculamos uns 2500 euros como fondo de provisión. 

Unha difusión ampla desta petición é crucial para asegurar o seu éxito, sen que implique esforzos moi desiguais nas achegas de cada quen. Calquera axuda é benvida. 

Así, a campaña recadatoria irá dirixida ás afectadas, afiliadas, simpatizantes e persoas solidarias coa loita do persoal temporal e a toda aquela persoa que queira colaborar. 

Como vía de ingreso dispoñemos desta conta de ABANCA onde facer o ingreso/tranferencia:

TITULAR: Central Unitaria de Traballadoras

CONCEPTO: Doazón Ensino 

NÚMERO DE CONTA:  ES63 2080 5079 8230 4001 6819

 

Grazas e seguimos na loita!