A CUT Ensino recorre a OEP 2022 ao non respectar a Lei 20/2021 de Redución da Temporalidade

252

Os servizos xurídicos da CUT Ensino veñen de presentar Recurso de Reposición sobre a Oferta de Emprego Público 2022, publicada o 28 de Xaneiro.

Como vimos anunciando e denunciando nas mobilizacións do mes de febreiro respaldadas por centos de docentes, a Consellería de Educación ofertou as prazas de 2022 esquivando a lei que lles obriga a iniciar o proceso de consolidación do persoal temporal xa na oferta actual.

Ás portas da negociación dos procesos restantes ata 2025, non imos deixar de reclamar as prazas da oferta 2022 sobre as que non se aplica a nova lei e que levarán a un novo episodio de afogamento dos temporais en abuso.

A Xunta de Galicia non só evade estabilizar ao seu cadro de persoal senón que impón un sistema na convocatoria para ditas prazas (e as de 2021 que suma a ela) cunha dificultade aínda maior na parte eliminatoria da oposición e menor valor da experiencia que en procesos anteriores. Este feito supón unha burla ao proceso que marca a lei estatal e que Feijóo e Román deciden ignorar.

Este recurso é unha medida máis de protesta e defensa da clase traballadora do ensino ante os abusos da administración de San Caetano, xa que a CUT seguirá loitanro nas rúas por todas as precarias dos servizos públicos.