A Central Unitaria de Traballadoras levou ante o xulgado do contencioso do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) a oferta de estabilización do persoal docente temporal dependente da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Dende este sindicato levamos pelexando por unha estabilización dos cadros de persoal docente dende o ano 2017 cando nos foi vendida o falso acordo de estabilización entre o goberno central e as grandes corporacións sindicais. Tras unha loita incesante nestes anos, o Congreso dos Deputados aprobou unha Lei para a Redución da Temporalidade nas Administración Públicas como un parche para dar saída a parte do problema da temporalidade dependente delas.
No traslado da lei ao ámbito docente, tanto o Ministerio de Educación dende os despachos madrileños coa imposición dun ridículo baremo onde a experiencia docentes ten un valor ínfimo, como a Xunta de Galicia no número de prazas a ofertar nos procesos estabilizadores, converteron a xa de por si insuficiente lei nunha débil sombra do que dela se podería obter como medida paliadora da temporalidade no ensino galego.
Deste xeito atopámonos cunha oferta pública minorizada cuantitativamente de forma intencionada baixo criterios aleatorios e paralegais marcados pola Xunta de Galicia e que a lei non contempla: exclusión na estabilización das prazas a media xornada, das prazas onde existe un membro directivo da mesma especialidade con calquera tipo de redución horaria, prazas con mestres que imparten no primeiro ciclo da ESO, prazas de provisión temporal dende 2016 con adscrición de comisións de servizos, etc. Ademais tamén se evita cuantificar aquelas prazas que atendendo á lei, ocupan persoas que nalgún momento desfrutaron de permisos de conciliación familiar ou de coidados, aplicando o concepto de interrupción da contratación ante o exercicio de dereitos básicos e protexidos constitucionalmente. Tamén evita a consolidación das prazas das especialidades pantasma creadas pola propia consellería, dotadas orzamentariamente e estruturais.
Por todo o exposto no parágrafo anterior, a Xunta de Galicia buscou a fórmula para ofertar o menor número de prazas a estabilizar posible engadindo criterios non recollidos na lei e que dende a CUT denunciamos ante o TSXG. A maiores deste uso ao noso xuízo prevaricador da aplicación da lei, lembremos que tamén se empeñou en facer unha macro oferta de prazas ordinarias neste pasado mes de xuño que derivou, xunto a recortes estruturais e ampliación de horarios, a o despedimento de case 1000 docentes que deberían ser estabilizados baixo a lei que os ampara.
O cadro é dramático: unha directiva europea e lei estatal que obriga a estabilizar aos docentes de longa duración que vén sendo sabotada pola Xunta de Galicia e que deriva no despedimento de profesorado con máis de 20 anos de traballo no ensino público galego, no medio da súa propia estabilización.
A situación que denunciamos é dantesca, tanto polo marco xeral no que acontece dos procesos de estabilización en toda a administración, como polo feito de ter despedido a case 2000 docentes experimentado nos últimos 5 anos por parte do goberno do PP. Non esquezamos que estes docentes superan amplamente os 45 anos de idade sendo para eles moi compricada a súa reconversión laboral, ademais dunha grande perda para o pobo galego dunha experiencia e saber facer que foi demostrado día a día nas nosas aulas.
Aproveitamos para denunciar do mesmo modo a manipulación informativa e mediática que os medios públicos, tanto galegos como estatais, fan dos procesos de estabilización, vendendo a falsa idea de que o persoal temporal en abuso vai ser completamente estabilizado pola súa condición, algo moi afastado da realidade que as afectadas están a vivir. O uso e abuso da Xunta de Galicia do medio público galego, a CRTVG, é continuado converténdoa nun medio propagandístico do PP en todos os ámbitos, entre eles no ensino galego como se veu nesta semana co engano masivo ao profesorado nun acto de suposta formación de novo profesorado para a súa emisión como logro de xestión nun momento moi delicado para os docentes galegos.
A CUT insiste en chamar á acción ante esta situación ás forzas sindicais silentes e acompañarnos o día 11 de setembro na mobilización que percorrerá as rúas de Santiago saíndo ás 12.00 dende a Praza Roxa. A pesar do noso convite para actuar en panca ante a administración este tema non parece do seu interese, como non o foi durante a negociación da oferta e durante os anos precedentes. Porén a CUT seguirá actuando ante a demanda incesante do profesorado afectado da loita na rúa e mantemos a crenza de que será o propio profesorado o que responderá á incesante burla e destrución do ensino público.
Vémonos o día 11 pola dignidade e defensa do ensino público galego