A CUT – Ensino en defensa da lingua

98

A CUT – ENSINO saúda, nestes momentos de emerxencia nacional, a creación de distintas plataformas en defensa da lingua galega. Durante a etapa política da Galicia autonómica en ningún momento se observou un ataque tan feroz ó maior patrimonio que a nación galega tivo, ten e pode chegar a ter: o noso idioma. Este ataque, promovido desde o goberno do PP de Feijoo e aguilloado desde a caverna parafascista do nacionalismo español, prodúcese nunha etapa na que, precisamente, vive o galego unha das súas maiores crises a respecto da transmisión oral de pais a fillos. Suprimilo das oposicións á administración da propia Xunta de Galicia, mingualo na xa escasa presenza que ten no ensino, como se pretende co novo Decreto ou abandonalo da protección da Lei de Normalización Lingüística en tódolos ámbitos. Esas son as fórmulas máis groseiras que un goberno pode pór en marcha para debilitar de vez a presenza do noso idioma no territorio que lle é natural, no territorio sobre o que o PP e Feijoo teñen agora a responsabilidade política.Pero non van poder. E neste sentido é todo un síntoma positivo que a sociedade galega se organice en asociacións ou plataformas apartidarias, porque a lingua é de todos e de todas, está por riba de calquera partido. Por iso chamamos ó pobo galego a sumarse á manifestación convocada para o día 18 en Compostela.Ás 12 todos e todas na Alameda! Enderezo-e: ensino@cutgalicia.org