CUT Ensino apoia a mobilización nacional do profesorado do día 19

160

Tras a asemblea aberta convocada onte luns 6 de novembro, a afiliación e simpatizantes da CUT decidimos apoiar a mobilización nacional do domingo 19 de novembro convocada polo sindicato maioritario seguindo coa loita pola recuperación dos dereitos do profesorado que apoiamos e promovemos nos últimos meses. 

Tamén chamamos a secundar a folga prevista para o día 28 polos convocantes no caso de ser celebrado, se ben o noso sentir é que debería ser unha folga de 2 ou 3 días consecutivos (28-29-30) previamente traballada en asembleas nos centros, coa mobilización masiva dos 86 delegados electos o pasado 22 de decembro e os liberados sindicais que nos representan dos tres sindicatos que apoian o calendario mobilizador.  

Sen ese traballo de fondo nos centros, unha concienciación real que chame ás rúas dende as aulas e a posta en funcionamento da maquinaria que as organizacións sindicais con asiento na Xunta de Persoal, teñen ao seu dispor: delegados, propaganda, prensa, etc. a Xunta non moverá un dedo polos nosos intereses.

Non escapamos do marco político no que se xera o conflito laboral: a precampaña electoral na carreira cara a presidencia da Xunta,e benvido sexa se é a forma de espertar e mobilizar ao sindicalismo do ensino galego por uns dereitos arrebatados hai máis de 10 anos.

Como na ocasión de folga anterior, estamos ao lado das traballadoras do ensino con visión sindical e combativa, polo que é na mobilización unitaria do profesorado na rúa e tamén na folga, como ferramentas históricas da loita obreira, onde a CUT ten a súa razón de ser e estar.

Non precisamos estar na foto, pero si na loita corpo a corpo fronte á Xunta de Galiza. A CUT segue a apelar a unidade real do sindicalismo galego, sen ambaxes nin xogos. A CUT segue a ser profesorado sen representación sindical, traballadoras docentes fartas unidas pola mellora do ensino público. Seguimos aquí porque cremos que outro sindicalismo aínda é posible.

DOMINGO 19 DE NOVEMBRO: MOBILIZACIÓN NACIONAL EN COMPOSTELA

28 DE NOVEMBRO: SI Á FOLGA!