Sindicatos, organizacións políticas, plataformas cidadás e outras agrupacións amosamos públicamente o noso apoio a esta iniciativa, orixinada no seo do Comité Intercentros da CRTVG e acollida como propia por ata 40 colectivos neste momento inicial da convocatoria, á que non se descarta que se vaian sumando máis forzas nos vindeiros días.
Trátase de aunar todos os berros daquelas que cremos nuns medios públicos galegos de comunicación ao servizo do pobo (tal como se recolle na súa lei de creación) e non de intereses políticos, económicos ou de calquera outra índole.
Con tal fin, as convocantes chamamos a toda a cidadanía a participar o domingo 6 de novembro nunha gran marcha en Compostela baixo o lema “Por unha CRTVG ao servizo do pobo: rescatémola!”.
Previamente haberá concentracións con puntos informativos nas principais vilas galegas, para dar a coñecer de primeira man á cidadania os nosos obxectivos e intereses: o 7 de outro en Lugo, o 10 de outubro en Ourense, o 14 de outubro en Ferrol, o 18 de outubro en Pontevedra, o 21 de outubro en A Coruña, o 25 en Vigo e o 3 de novembro, en Compostela.
Segundo recolle o manifesto da iniciativa, as organizacións participantes entendemos que “o executivo galego mantén SECUESTRADAS a nosa radio e a nosa televisión. Actuando ao servizo da forza política no goberno, a actual dirección da CRTVG antepón os intereses do Partido Popular aos valores de carácter éticopolítico nos que debe fundamentarse o servizo público, relacionados coas necesidades democráticas, sociais e culturais do noso pobo.
Alfonso Sánchez Izquierdo, designado a dedo hai 13 anos polo noutrora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é expresión dun modelo de radiotelevisión que non garante a independencia do ente público. Que reduce a variedade, o equilibrio e a calidade do conxunto de programacións e servizos audiovisuais destinados aos diferentes públicos. Que posibilita a emisión noutras linguas distintas do galego. Que non potencia a participación e o control social. Que dá entrada ao capital privado e deixa nas súas mans boa parte da programación da CRTVG, comprometendo os valores de servizo público antes mencionados.
Neste contexto, as organización sociais, culturais, sindicais, políticas e profesionais asinantes consideramos que a sociedade galega debe saír ao RESCATE do noso servizo público de comunicación audiovisual, e expresamos a nosa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública:
– Que garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.
– Que recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social, nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento. A tal fin, garantirase o dereito de acceso, segundo criterios obxectivos de representación e implantación social, sen que poida excluirse ningún grupo social e co máximo respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega.
– Que recupere a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais, espazos fundamentais para o dereito da cidadanía a acceder ao que acontece na súa contorna máis próxima.
– Que promova e defenda a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura, co estímulo á produción editorial, teatral, músical, audiovisual e demais expresións artísticas e escénicas do país.
– Que xogue un papel estratéxico na converxencia dixital e garanta a presenza do galego nas plataformas dixitais.
– Que fomente a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero e fomentando accións positivas, así como o uso da linguaxe non sexista.
– Que preste especial atención á programación dirixida á infancia e á mocidade, por canto que representan o futuro da sociedade,recuperando unha das principais funcións para a que foi creada a Galega, o fortalecemento da Cultura e a lingua propias de Galiza, así como o seu papel educativo, socializador e galeguizador.
– Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas.
– Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores.
Por último, instamos aos poderes públicos de Galiza ao cumprimento da normativa do sector audiovisual público galego, nomeadamente a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego; o establecemento dos obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG, a través docorrespondente mandato marco; a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, ou a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados neste manifesto”.
A CUT chama a todas as súas afiliadas, simpatizantes e, en xeral, a todas aquelas persoas que cren na necesidade de defender unha radio e televisión de todas as galegas a participar e difundir todas as actividades que se desenvolvan arredor desta iniciativa.
Por unha CRTVG ao servizo do pobo: rescatémola!