A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) denuncia a represión sindical no centro que Correos mantén en Lavacolla (Compostela) contra unha traballadora da limpeza que nos últimos días foi despedida pola súa participación nas folgas do 8 de marzo e do 22 de abril, esta última no marco da loita por un convenio digno para o sector na provincia da Coruña. En ambas as dúas folgas, fixéronse repartos de material informativo sobre os dereitos das traballadoras neste centro da empresa pública de Correos.
A CUT esixe a inmediata readmisión da compañeira desta central sindical e apunta que, se a empresa mantén o seu despedimento, estaría a cometer unha grave vulneración dos seus dereitos fundamentais á sindicación e á folga.
A CUT esixe a inmediata readmisión da compañeira desta central sindical e apunta que, se a empresa mantén o seu despedimento, estaría a cometer unha grave vulneración dos seus dereitos fundamentais á sindicación e á folga. Dende a Secretaría das Mulleres denuncian a criminalización da acción sindical feminista, xa que non considera casual que o motivo de despedimento sexa a participación da traballadora en dúas folgas esenciais na loita polos dereitos das mulleres traballadoras e dentro dun dos sectores máis feminizados e precarizados como é o das limpezas. “As mulleres traballadoras estamos xuntas todas a unha nas rúas, nos centros de traballo, nas organizacións, nas folgas, nas mobilizacións, todas nós en pé defendendo os nosos dereitos e o das nosas compañeiras e respostaremos por todas e cada unha das nosas compañeiras”, sosteñen dende esta Secretaría.
A Central Unitaria de Traballadoras organizou o pasado día 12 de maio unha protesta ante o centro de Correos en Lavacolla e anuncia que proximamente haberá novas convocatorias de protestas.
A CUT agradece o apoio e acompañamento á traballadora da representación da CGT no centro de Correos da Lavacolla. Ao mesmo tempo, lanza un chamado social de protesta ante esta empresa pública que busca silenciar a todo o cadro de persoal e, en especial, ás traballadoras da limpeza nun momento no que a súa labor e a súa loita resulta aínda máis esencial para o conxunto do país.