A dirección dos medios públicos reduciu unilateralmente o crédito horario vixente na empresa para, segundo denuncia o sindicato, represalialo e silencialo.
Esta mañá rexistramos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia unha demanda de conflito colectivo por tutela de dereitos fundamentais contra a Corporación de Radio Televisión de Galicia. Consideramos que a redución que vén de aplicar a dirección de recursos humanos do sistema de crédito sindical, vixente na empresa desde o ano 2015, lesiona o dereito á liberdade sindical da CUT, polo que debe declararse nulo, ao tratarse dunha limitación que opera unicamente como represalia para silenciar a actividade despregada por esta central que obstenta desde o ano 2011 a representación maioritaria dos traballadores e traballadoras da radiotelevisión pública do país.
Denunciamos que o novo sistema imposto pola dirección da mercantil reduce o crédito sindical proporcional, derivado dos resultados das eleccións sindicais celebradas en xuño de 2019, para incrementar o crédito outorgado como liberalidade empresarial de maneira lineal a todas as centrais sindicais, provocando unha perda do crédito horario da CUT de case o 30% (2.200 horas anuais), cando o resto dos sindicatos perden algo menos dun 3% (110 horas/ano) e mesmo hai un que gaña (440 horas/ano).
Este novo reparto desatende o principio de proporcionalidade e representatividade, esvacía de crédito horario xustamente os órganos representativos onde a CUT ten maior número de membros e separa o reparto de crédito adicional da representatividade electoral para sobredotar os sindicatos con menor apoio do cadro de persoal, nunha manobra antisindical que prexudica unicamente á CUT.
Esta decisión arbitraria, inadecuada, irrazoable e afastada do principio de proporcionalidade supón un procedemento torticeiro para expropiar a capacidade de acción da súa sección sindical na CRTVG, que busca ademais, de xeito perverso, concitar o acordo do resto dos sindicatos a través de premialos ou sobrerepresentalos.
Pero non quedaremos de brazos cruzados ante esta patolóxica manobra represiva que non conseguirá o obxectivo de acalar e desactivar ás traballadoras da CRTVG que pelexan cada día por cambiar o rumbo dos medios públicos e polos dereitos do seu cadro de persoal.
Na demanda, solicitamos que se declare nula de pleno dereito esta actuación empresarial, á que se adheriron o resto dos sindicatos presentes na CRTVG, e que se condene á empresa ao pagamento de 100.000 euros polos danos e prexuízos ocasionados.