A CUT defenderá a ILP pola consolidación do emprego público no Parlamento o 28 de setembro

448

A cámara galega acollerá na sesión plenaria do vindeiro martes, 28 de setembro, a defensa da iniciativa lexislativa popular presentada pola Central Unitaria de Traballadoras e avalada polas máis de 10 mil sinaturas de galegas e galegos.

A responsable da Área de Emprego Público da CUT, Andrea Estévez, será a encargada de transmitirlle ás nosas deputadas e deputados a necesidade urxente de adoptar unha solución definitiva á fraude e a temporalidade que asolagan dende hai décadas as administracións e empresas públicas galegas.

A ILP da CUT chega no momento álxido do debate para a reforma do EBEP no Estado, coa introdución de enmendas ao Real Decreto-Lei aprobado o pasado 21 de xullo e coñecido como “Icetazo”, un acordo decepcionante para a meirande parte das empregadas públicas, pero que abre unha porta ao dar traslado á creación de mecanismos de consolidación ás comunidades autónomas e entidades locais.

Batallaremos no Parlamento para defender un concurso de méritos para todas as traballadoras en fraude

Alén do que aconteza en Madrid, cómpre consensuar unha solución urxente que garanta a continuidade dos servizos públicos galegos e a estabilidade das súas empregadas. A Xunta de Galicia tén a potestade e a obriga de facelo e facelo sen máis demora. Por iso, batallaremos no noso Parlamento para defender un concurso de méritos para todas as traballadoras en fraude, posibilidade recollida na lei.

Instamos a todas as afectadas, así como á poboación galega en xeral como propietaria e beneficiaria dos servizos públicos, a amosar a súa solidariedade nas mobilizacións que se convocarán para defender o que é de todas. A primeira será unha concentración o propio día de defensa da ILP, 28 de setembro, ás 9:30 h da mañá, diante do Parlamento.