A CUT CRTVG RACHA O DIÁLOGO SOCIAL

105

Esta mañá, a Sección Sindical da CUT na CRTVG, evidenciou ás claras o seu cansancio coa cultura e as prácticas represivas da Dirección empresarial deste servizo público, anunciando públicamente a ruptura do diálogo social.

A Sección Sindical da CUT mostrou desde hai días, en consonancia coas comunicación públicas do Comité Interempresas da CRTVG que esta central sindical preside, o seu rexeitamento profundo ao tratamento que a dirección da CRTVG lle está a dar á toma das instalacións centrais da empresa en San Marcos por parte de máis dun cento de persoas afectadas pola estafa das participación preferentes de NovaGalicia Banco, e a derivación hipócrita das responsabilidades desta.

Cando o pasado 30 de marzo máis de 150 veciños e veciñas das zonas de Vigo e O Morrazo tomaban o edificio da radiotelevisión galega, esgrimindo como causa a falta de transparencia informativa da CRTVG e a falta de cobertura axeitada dunha das máis visíbeis estafas bancarias, a do “corralito” galego, a Sección Sindical da CUT non só trasladou a súa comprensión por esta loita popular e a súa preocupación pola situación das persoas afectadas, senón que compartiu a súa análise en canto á falta de pluralidade informativa da CRTVG e do reiterado control político e empresarial da información.

A CUT advertiu reiteradamente que esta práctica empresarial está a poñer en risco a integridade moral e física dos e das profesionais deste medio informativo, sobre todo nos  casos de maior conmoción social (v. gr. Prestige),  cando a crítica pola evidente ocultación informativa se transforma en ira, pratos rotos que as traballadoras e traballadores do medio están a pagar reiteradamente.

Durante o transcurso da ocupación da CRTVG o pasado día 30, só o Comité Interempresas estivo á altura, en primeiro lugar, velando por tratar de manter o carácter pacífico dunha ocupación que retivo a traballadoras e traballadores do medio que se viron nalgúns momentos violentados e increpados e, en segundo lugar, tentando encauzar unha vía de diálogo cos afectados e coas afectadas pola estafa dentro do propio centro, mentres o Director Xeral, Sánchez Izquierdo, abandonaba pola porta de atrás o edificio, nunha auténtica irresponsabilidade empresarial que será denunciada polo Comité.

A  Sección Sindical da CUT na CRTVG, na liña mantida polo propio comité ao completo, “lamenta  e condena a actitude que amosaron nos primeiros momentos algúns dos manifestantes, que chegaron a insultar e a violentar os espazos de traballo dalgúns  profesionais do ente público que non son en última instancia responsábeis da política informativa que establece a dirección”.

Desde unha perspectiva sindical, a intervención do Comité non pode senón ser cualificada de éxito debido ao transcurso da ocupación, xa que contribuiu a encauzar un conflito no que se chegaron a vivir momentos de lóxica tensión cara vías pacíficas, e que acabou por desenvolverse entre a actitude exemplar das traballadoras e traballadores do medio e das afectadas e afectados polo “corralito”, que estableceron un diálogo seguro e un marco de negociación do que a empresa estivo absolutamente ausente, aparecendo só esporadicamente unha vez que chegaron os efectivos policiais, que se centraron en acordoar o plató onde se producía a emisión en directo do telexornal e en protexer o despacho do equipo de dirección.

A Sección Sindical da CUT aclarou que a “única responsábel destes estoupidos de indignación contra a CRTVG segue a ser a Dirección deste medio” á que cualificaron de “irresponsábel”. Sen embargo “a empresa intenta desviar a atención mediática da súa irresponsabilidade acusando ao Comité Interempresas de colaborar e facilitar a ocupación, e para evidencialo, a recente apertura dun Expediente de Investigación dos feitos dirixido contra o cadro de persoal”. E, aseveran, “a indignación das traballadoras e traballadores é aínda maior polo feito de que sexan os responsábeis desta situación, a dirección da empresa e os máximos responsábeis da seguridade, os que se convirtan en árbitros cando cómpre máis do que nunca un comité de investigación absolutamente imparcial que depure as verdadeiras responsabilidades”.

É por iso que a Sección Sindical da CUT lle comunicou á Dirección da Empresa “a súa intención de rachar a baralla do diálogo social, de que se clarifiquen as responsabilidades reais, e de que a empresa deixe de perseguir aos traballadores e traballadoras dunha vez por todas e cumpra coa súa función social, dotar ao pobo galego dunha información veraz, imparcial, sen control político, e de calidade”.