A CUT convoca unha manifestación en Vigo o día 30 de novembro ás 19:30h, baixo o lema “Non máis farsas coa reforma laboral. Derrogación si ou si”, con saída dende a Praza dos Cabalos.
Dende a CUT criticamos as reformas laborais que veñen eliminando os dereitos da clase traballadora, foran do PP ou do PSOE. O goberno actual, especialmente dende o Ministerio de Traballo, levan dous anos prometendo a derrogación da Reforma Laboral, e ata o de agora nada houbo. Tan só vemos escenificacións de se Yolanda Díaz é máis de esquerdas que Nadia Calviño ou á inversa, cando en realidade son dúas caras da mesma moeda. O único que ata o de agora hai son fotografías, declaracións de fume e xiros semánticos como que ‘tecnicamente’ non se pode derrogar. Do contido da reforma só sabemos que o despedimento non se toca, é dicir, que seguimos cos 33 e os 20 días, e que as empresas pasarán de ter un tope de contratación de traballo temporal dun 15% a non ter tope algún.
As conclusións que sacamos é que a Reforma Laboral vai ser unha fraude no que maquillarán as cousas sen vergoña algunha, dirán que van aumentar os contratos indefinidos, pero non dirán que á patronal pouco lle vai importar porque despedir a un indefinido será moi baro. Nada falan dos salarios de trámite, que aforran á patronal cantidades superiores á propia indemnización. Nada dirán porque esta reforma non é para nós, será para pagar os fondos da UE, ou alguén pensa que eses cartos son gratis ou que os van regalar os bancos? A reforma laboral do goberno ‘máis progresista da historia’ será benvida en Bruxelas porque non vai nin contra o capital nin contra o status establecido, é unha nova garantía de que aquí pagaremos os de sempre; unha reforma laboral que poderá subscribir calquera partido da dereita europea. O resto é márketing, espectáculo e autobombo.