A CUT convoca manifestación en Madrid o 25 de setembro contra o icetazo

304

Inscríbete para viaxar dende Galiza a prezos populares no bus das precarias

O vindeiro 25 de setembro convocamos, xunto con outros 11 sindicatos alternativos do Estado, unha manifestación contra o RDL 25/2021 (Icetazo) e pola defensa dos servizos públicos ante a precarización insostíbel das súas traballadoras, perpetuada con este RDL.

Como sindicato de clase e en defensa da clase traballadora máis precaria e afectada das administracións galegas, a CUT chama a toda a poboación galega a unirse a dita mobilización na capital do Estado, onde seguen a decidir por nós quen e como traballar nos servizos públicos que usamos no noso día a día a poboación galega, nunha clara usurpación das competencias sobre os servizos esenciais por parte do Estado español.

A CUT irá a Madrid a defender ás nosas traballadoras e para iso organizaremos o transporte para que todas as afectadas poidan reclamar os seus dereitos fronte ao Ministerio de Función Pública. Xa está ben de soportar o xugo da precarización e ser monicreques dos gobernos de turno. Xa está ben de abusos das entidades públicas sobre a nosa xente. Imos loitar pola consolidación e obter a fixeza nos seus postos das traballadoras galegas en fraude na contratación, tanto no Parlamento galego coa defensa da ILP de consolidación como en Madrid contra a lei marco do EBEP. Contamos con vós!

***Para viaxar a Madrid coa CUT envía os teus datos ao enderezo: empregopublico@cutgaliza.org indicando no correo: nome e apelidos, DI e cidade de saída de cada persoa que viaxe. Estabeleceranse os máximos puntos de saída e previsibelmente estabeleceranse 2 rutas, sendo estas reducidas ou ampliadas en función da demanda:

  • Ruta 1: Compostela-A Coruña-Lugo
  • Ruta 2: Pontevedra-Vigo-Ourense

***O prezo e número de conta de ingreso enviarase a aquelas persoas inscritas unha vez confirmado un mínimo de persoas participantes. Estímase entre os 40 e 50 euros/persoa ida e volta, con saída de madrugada para chegar a Madrid arredor das 10.30h e con volta ao finalizar a manifestación (saída arredor das 16.30). Os datos concretos serán reconfirmados nos días antes á saída.