A CUT convoca folga de mulleres no 8M por cuarto ano consecutivo

521

 

A Secretaría das Mulleres da CUT anunciou este xoves, 28 de xaneiro, a convocatoria de folga xeral de mulleres para este 8 de marzo baixo o lema “Todas con dereitos, ningunha con medo”. Deste xeito, este 8 de marzo transcorrerá a 4ª folga xeral de mulleres convocada consecutivamente por esta central sindical en Galiza.

As mulleres da conserva, a pola folga

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) rexistrou hoxe a convocatoria de folga ante a Xunta de Galiza, un acto que acompañaron e acolleron as compañeiras e traballadoras do sector da conserva que denuncian “o difícil que é conciliar a vida laboral e a dos coidados, sexa unha cativa ou un familiar maior”. “Cando entramos a traballar, non hai ningún sitio público que se faga cargo dos nosos familiares ao cargo”, advirten e reclaman solucións ante o Goberno galego.

As traballadoras da conserva érguense a favor da folga e denuncian as agresións da patronal ante os seus dereitos de conciliación, non discriminación salarial e seguridade laboral

As traballadoras da conserva esixen máximo respecto pola súa saúde ante a covid-19 e o absoluto respecto polas súas condicións de traballo. “A precariedade salarial imposibilita a independencia das mulleres que traballan na conserva” e apuntan directamente contra a “contratación temporal fixa discontinua que fai que nunca teñas asegurado o traballo”. Dende o sector, que se ve sometido a unhas duras condicións de traballo, reivindican a anticipación da idade de xubilación.

 

8M, mulleres obreiras en loita

As discriminacións salariais a través do uso perverso das categorías profesionais, a masculinización dos postos de dirección e a feminización dos postos do traballo na cadea de produción, a inseguridade laboral e a desprotección da saúde das mulleres da conserva son comúns a moitos outros sectores laborais. Como central sindical, sentímonos orgullosas de convocar por cuarto ano consecutivo folga xeral de mulleres, de loitar por todas e de fortalecernos as unhas ás outras. Imos por todas e a por todas!

A Secretaría das Mulleres da CUT chama á unión do feminismo de base na loita contra o sistema patriarcal, capitalista e colonialista

Dende a CUT incidimos na loita das mulleres obreiras e o feminismo de base ante a expansión da extrema pobreza e da represión a raíz da covid-19. As obreiras, sexa asalariadas ou non, estamos en pé e decididas a a loitar por todos os dereitos para todas as persoas até que ningunha, absolutamente ningunha, teña medo, e chamamos á unión do feminismo de base na loita contra este sistema patriarcal e capitalista. Porque continuaremos en pé e en loita ata que todas dispoñamos de todos os dereitos e ningunha compañeira teña medo. Avante a folga!