Entre estas propostas atopábase a implantación dun salario mínimo reducido para a mocidade, baseado nunha rebaixa do SMI para aquelas mozas sen formación. Estaríamos falando pois dunha cifra inferior aos 645’3 que contempla actualmente a lexislación laboral, e que moi probablemente rondaría os 400€ dos “minijobs” alemáns que veñen sendo loubados dende ben atrás por esta institución. Curiosamente, esta proposta chega nun momento no que, a través das continuas reformas educativas, se dificulta cada vez máis o acceso da clase obreira á formación. O obxectivo? Pechar o círculo e condenar ao pobo á eterna miseria.Tras responsabilizar da falta de emprego á entrada masiva de estranxeiros no Estado Español e á suba irresponsable dos soldos durante a pasada década, o representante da patronal permitiuse pular por unha “cultura da flexibilidade” en cuestións laboral, propondo ter máis en conta a rendibilidade da empresa. Este argumento non parece, sen embargo, interesarlle á burguesía en materia fiscal, ou á hora de ter en conta os ingresos dos centos de familias traballadoras que desaloxan diariamente dos seus fogares, e ademais resulta indefendible nun contexto no que milleiros de obreiras son despedidas mediante Expedientes de Regulación de Emprego en empresas con beneficios millonarios.Dende a CUT, consideramos inadmisible esta proposta, que lonxe de solucionar a situación de desemprego e a emigración forzada á que nos vemos sometidas as mozas galegas, pretende converternos en man de obra barata a través de contratos temporais adobiados con horas de formación, e cun salario que dificilmente pode acadar a cobertura das necesidades básicas para unha vida digna. O que se pretende é ir completando o proceso iniciado coa última reforma propiciando un efecto substitución mediante o cal, a través da nova lexislación, se anularían os contratos doutras traballadoras valéndose de despedimentos baratos, e cuxos postos pasarían a ser ocupados por man de obra xuvenil enormemente precarizada.Por outra banda, ao igual que o resto de empregos de carácter parcial, esta nova modalidade de contrato tenderá a converterse nunha especie de gueto para as mulleres, que esta vez, ademais de ter que compatibilizar a xornada laboral coas tarefas reprodutivas ás que o patriarcado nos relega, terán que sumarlle as horas de formación esixidas para manter o posto de traballo. Unha vez máis as mulleres obreiras quedamos privadas do noso desenvolvemento persoal como individuos e condeadas a precariedade, tanto por falta de tempo como pola imposibilidade de optar a boas prestacións e carreiras de cotización de cara á xubilación.Como xa identificou Marx nos seus estudos, o capitalismo non pode escapar de crises estruturais como a que hoxe atravesamos. Crises que o mesmo sistema aproveita como escusa para usurpar dereitos gañados polo movemento obreiro en loitas históricas, e propiciar a creación dun exército de reserva ao borde da desesperación que so conta con dúas opcións: vender a súa forza de traballo a cambio das migallas que lle tira o patrón, ou rachar dunha vez por todas coas cadeas que condenan á súa clase a unha historia de submisión e fame.Cada día somos máis as que camiñamos conxuntamente cara esta segunda opción, e os poderosos tremen ante a forza da clase obreira, unha clase obreira que chama máis e máis forte ás portas da burguesía reclamando xustiza. Advertimos pois ao capital e aos seus lacaios, que a mocidade galega saberá respostar a medida en caso de que esta provocación se materialice. Negámonos a sobrevivir baixo a bota do capital e a deixar atrás, unha vez máis, o noso país en busca de pan.Esiximos a creación de emprego de calidade na nosa terra! Abonda xa de precariedade laboral, de terrorismo patronal!Adiante a loita obreira!