A CUT constitúe a Federación de Alimentación da FSM como membro fundador

247

Os pasados 7 e 8 de marzo celebrouse en París a Conferencia Europea da Federación Sindical Mundial (FSM) á que asistiron os compañeiros da Central Unitaria de Traballadores/as (CUT), Xan Carballo e Ricardo Castro. Na devandita Conferencia quedou constituída a Federación de Alimentación da FSM, coa aprobación unánime dos seus estatutos e dirección. Presidirá o executivo o camarada chipriota do PEO, Georgiades Lefteris, mentres que o Secretario Xeral será Freddy Huck, da CGT francesa.A CUT é un dos sindicatos que figurará coma membro fundador desta federación ao estar presente na súa constitución. Así mesmo fixemos unha intervención explicativa das condicións do sector alimentario en Galicia e das dificultades nas que o neocapitalismo está poñer ao proletariado. A perspectiva da CUT fixo entender aos camaradas presentes que as condicións sociais e económicas da clase obreira son, a un tempo, locais e universais. Nada nos é alleo.Ao encontro internacional asistiron compañeiros/as de Grecia, Chipre, Portugal, Euskadi, España, Moldavia, Bielorusia, Francia, Polonia, Serbia, Chequia… e en todas e cada unha das ponencias quedou patente que o capitalismo ten claro que o proletariado é o inimigo, quedou ben claro que as condicións da clase traballadora camiñan a peor, que a caída do comunismo lle quitou a máscara ao capitalismo, e quedou ben claro que a Unión Europea non é máis que unha alianza económica que serve en exclusiva aos intereses do capitalismo mundial.No documento final, aprobado tamén por unanimidade, faise fincapé na necesidade da unión da clase obreira como saída a esta situación de precariedade. Inclúe tamén a declaración, un toque de atención ante o recorte das liberdades políticas e civís que se está dar no mundo; é a nosa obriga estar vixiantes e denunciar esta extensión das prácticas mafiosas das democracias burguesas.Dende a CUT saudamos a constitución desta Federación da Alimentación da FSM, e calquera outra que teña coma meta a unión dos traballadores e traballadoras do mundo dende os principios da solidariedade do sindicalismo de clase. O noso compromiso coa nova Federación estará no traballo diario e naqueles traballos que nos sexan asignados polos organismos directores.Aproveitamos a ocasión para solidarizarnos con todos os traballadores e pobos do mundo que sofren a explotación e o recorte de liberdades. VIVA A FSM!VIVA O SINDICALISMO DE CLASE!