Logo dunha intensa campaña electoral, na que a sección sindical visitou case todos os centros da área sanitaria de Ourense para coñecer de primeira man todas as problemáticas, a CUT-SAÚDE participa este 11 de maio nas eleccións sindicais do Servizo Galego de Saúde.
“A democracia nas decisións e a información son a mellor arma para a mellora da vida laboral das traballadoras.”
Un dos obxectivos da CUT-Saúde é mudar o xeito de facer sindicalismo no SERGAS, un sindicalismo transparente e aberto a todas as traballadoras, desde a honestidade, a alegría, a loita e o compromiso para mellorar a situación laboral de todo o cadro de persoal.
Para a CUT o asemblearismo é a única ferramenta que realmente pode transformar a realidade nos centros de traballo. A democracia nas decisións e a información son a mellor arma para a mellora da vida laboral das traballadoras.
“Precisamos que o sistema público de Saúde galego sexa tan saudable para as súas traballadoras como para as usuarias. “
A CUT-Saúde ten o foco posto na precariedade laboral que sofre o SERGAS. Por iso entendemos prioritaria a loita polo cumprimento das ratios, para deste xeito conseguir que as cargas excesivas de traballo sexan cousa do pasado. É unha necesidade primordial o establecemento de quendas equitativas, humanas e que permitan a conciliación das traballadoras. Precisamos que o sistema público de Saúde galego sexa tan saudable para as súas traballadoras como para as usuarias. Por iso, “precisamos coidarnos para poder coidar ben aos demais”. É necesario tamén un cambio na política de prevención de riscos laborais, que se distinga o perigo de cada labor específico e que se adopten medidas preventivas que eviten os demasiados numerosos accidentes laborais así como as incapacidades temporais que se están a producir nos centros de traballo da provincia de Ourense.
Outra das prioridades é recuperar a negociación colectiva na materia salarial para rematar coa continua perda de poder adquisitivo. “O custo da vida non para de subir, pero os nosos salarios seguen estancados”.
O programa da CUT-Saúde está construído traballando día a día nos centros de traballo e así será a súa acción sindical en caso de acadar a representación sindical este 11 de maio. “Porémoslle voz a todas as demandas do persoal. O programa construímolo diariamente mediante a participación das traballadoras. Traballaremos sen liberadas sindicais, porque coñecemos as diferentes problemáticas por medio do traballo real”. Todas as decisións de relevancia para o cadro de persoal serán lexitimadas por medio da asemblea de traballadoras. “A asemblea e a información é a mellor arma, e o mellor xeito de ser partícipe da realidade sindical e coñecedoras de primeira man do que está a suceder no comité de empresa”.
“É hora de nos facer valer, uníndonos para poder facer forza e poder converter o SERGAS nun servizo que a cidadanía merece.”
A CUT- Saúde decidiu dar un paso adiante construíndo esta candidatura “porque estamos fartas de dar contra un muro. De que todas as nosas reivindicacións rematen nun pozo de queixas do que non sabemos nada. É hora de nos facer valer, uníndonos para poder facer forza e poder converter o SERGAS nun servizo que a cidadanía merece, un SERGAS que tamén coide da saúde das súas traballadoras, un SERGAS sen precariedade laboral. Porémoslle voz a todas as demandas das traballadoras”.
Un dos obxectivos desta nova candidatura da Central Unitaria de Traballadoras (CUT) a través da CUT-Saúde é precisamente a necesidade de poñer fin ao continuísmo no comité de empresa que non trata de fronte o problema da precariedade do servizo público. “É hora de quitar a venda. É a hora da CUT”.