A CUT con Venezuela e fronte á agresión imperialista

1042

O imperialismo americano, volvendo ao seu manual de intervencionismo, leva semanas acosando militarmente á República Bolivariana de Venezuela. Son os preparativos para unha agresión sen precedentes no propio territorio nacional. O país caribeño está a ser asediado por mar con ducias de barcos da Flota subalterna do Comando Sur e tamén polo ar, creando fóra e dentro do país unha psicose de intervención inminente.

Para interpretar o que está a acontecer hoxe na patria de Bolívar, debemos retrotraernos ao mesmo minuto un da Revolución Bolivariana e á aparición de Hugo Chávez Frías ao mando deste proceso revolucionario. É evidente, e absolutamente contrastado, que o imperialismo leva dende ese ano 1999 intentado todo para derrubar o proceso venezolano: golpe de estado, bloqueo económico e financeiro, violencia terrorista, guerra mediática, intento de magnicidio…

“Cando falamos do imperialismo dos EEUU debemos ter en conta que para exercer ese papel dominante precisa contar con capataces e lacaios. Ese é precisamente o papel que xoga a UE para garantir o éxito da intervención intervención ianqui; sen a UE isto non sería posible.”

Cando falamos do imperialismo dos EEUU debemos ter en conta que para exercer ese papel dominante precisa contar con capataces e lacaios. Ese é precisamente o papel que xoga a UE para garantir o éxito da intervención intervención ianqui; sen a UE isto non sería posible. Hoxe, en 2025, a Venezuela democrática, bolivariana e revolucionaria segue en pé, proba evidente do fracaso do imperialismo, aínda que non podemos esquecer que a acumulación dos centos de medidas de bloqueo e de chantaxe acaban facendo feridas, sobre todo na economía. Será precisamente o debilitamento da economía causado por estas medidas o que utilicen como crítica á revolución, acusando de mala xestión ao goberno lexítimo de Venezuela cando son eles os causantes do desastre. Nada novo, por certo, no seu proceder histórico. Só temos que lembrar o feito no Chile de Salvador Allende ou na Cuba revolucionaria.

O cinismo e a mentira como coartada

O imperialismo ianqui conta cun longo e infame historial á hora de xustificar as intervencións xenocidas, que comezan sempre cunha campaña permanente nos medios de intoxicación ata instalar na opinión pública a mentira escollida. Todo vale, dende o suposto déficit democrático ata as supostas armas de destrución masiva ou o tráfico de droga. Lembremos a Ex Iugoslavia, Iraq, Libia, Sudán, Siria, Líbano, Iemen ou Irán.

O fracaso evidente e reiterado dos distintos intentos, durante vinte e cinco anos, para destruír a Revolución Bolivariana explica  que a administración Trump, de maneira delirante e criminal, leve a ansia intervencionista aos extremos da intervención militar directa que hoxe enfronta o pobo de Venezuela.

Fracasado o intento de cuestionar as últimas eleccións á Presidencia da República por presunto fraude -a través do tándem Edmundo González- María Corina Machado- durante os últimos dous anos, viñeron os falsos relatos primeiro do “Tren de Aragua”, e logo o libelo do “Cartel dos Soles”.

“O aparato de propaganda imperialista fabrica a figura ignominiosa do Goberno Bolivariano como traficante de drogas. Ducias de pescadores, non só venezolanos senón tamén colombianos, son asasinados impunemente coa mesma escusa”

Si, aínda que sexa incrible para unha persoa cun coeficiente mental e intelectual medio –aínda sendo reaccionaria-, o aparato de propaganda imperialista fabrica a figura ignominiosa do Goberno Bolivariano como traficante de drogas. Ducias de pescadores, non só venezolanos senón tamén colombianos, son asasinados impunemente coa mesma escusa, para instalar na opinión pública manipulada a idea da existencia do narcotráfico desde Venezuela. E no caso de que non foran todos pescadores, alguén pode imaxinar que xustificaramos que Trump viñera a bombardear as planeadoras das Rías Baixas cargándose a toda a tripulación? Debería Trump invadir Galicia e deter ao seu narco presidente?

Nunca a mentira como arma política chegara a extremos tan perversos. A propia DEA, e calquera organismo internacional entendido na materia de drogas incluída a ONU, sabe e é coñecedor de que a produción de cocaína en Venezuela é inexistente e que o tráfico desde Colombia por territorio venezolano é absolutamente anecdótico, pois o 90 por cento deste sae polo Pacífico e non polo Mar Caribe segundo as axencias especializadas.

A agresión e o fracaso económico de EEUU

O modelo capitalista occidental, coa economía ianqui á cabeza, hai moito tempo que entrou en crise. Paralelamente, o papel histórico de EEUU como xendarme dese sistema caduco tamén entrou en horas baixas. A agulla da economía mundial nos últimos vinte anos e de maneira silandeira esvarou ao oriente asiático, fundamentalmente á China.

“A aparición dos BRICS ven a redeseñar claramente o mapa do mundo e non só en termos de produción, senón tamén o do comercio mundial e as finanzas, cuestionando o dólar EU como valor ou patrón moeda de intercambio financeiro internacional.”

A aparición dos BRICS ven a redeseñar claramente o mapa do mundo e non só en termos de produción, senón tamén o do comercio mundial e as finanzas, cuestionando o dólar EU como valor ou patrón moeda de intercambio financeiro internacional. América Latina, o patio traseiro na concepción aberrante do imperialismo, cobra un rol protagónico e xa non subalterno ou de sometemento á economía e ás decisións ianquis.

Explícase aquí –na lóxica imperialista tradicional- a necesidade da economía americana de asaltar os distintos rublos materiais ou financeiros dos distintos países, sobre todo do terceiro Mundo. Neste contexto, Venezuela acada un protagonismo de primeira orde mundial non só por ter as primeiras reservas petroleiras do Mundo, senón por ser posesora de multitude de recursos naturais e minerais imprescindibles para o medre capitalista e da economía gringa.

Matar o exemplo para garantir o futuro do sistema capitalista

Se Cuba foi (e segue sendo) o exemplo e o facho da dignidade e da liberación nacional e social dos pobos por máis de sesenta anos, Venezuela hoxe segue sendo con Cuba e Nicaragua a esperanza de América Latina e o Caribe. Non hai que explicar que a pesar do criminal bloqueo, Venezuela é quen mellor pode desenvolver ese rol de bandeira referencial para outros pobos.

“A existencia mesma dun proxecto de transformación social e fondamente antimperialista non é tolerable para o sistema capitalista, pero non só para o americano.”

O imperialismo sábeo e por iso durante vinte e cinco anos non escatimou esforzos en tratar de borrar do mapa á Revolución Bolivariana. A existencia mesma dun proxecto de transformación social e fondamente antimperialista non é tolerable para o sistema capitalista, pero non só para o americano. A simple existencia da Revolución Bolivariana é un factor que desestabiliza o poderío das elites.

Hoxe, o protagonista no acoso imperialista máis que ningunha outra fase da historia é a administración Trump. Pero temos que facer un exercicio de memoria: a UE, durante estes vinte e cinco anos, seguiu de maneira vergoñenta os ditados de Washington. Lembremos o apoio inmediato de Aznar ao golpe de estado a Hugo Chávez ou o embargo ilegal de fondos venezolanos por parte de Inglaterra ou mesmo Portugal.

A guerra híbrida contra Venezuela

Aínda que usualmente pensemos na guerra como un teatro de enfrontamento armado, o imperialismo leva anos ensaiando contra a Revolución Bolivariana todo un libreto fabricado pola CIA que denominamos “guerra híbrida”. Esta ferramenta de guerra baséase na utilización coetánea de diversas formas de intervención non necesariamente armadas, aínda que tamén.

A guerra híbrida ten como obxectivos, primeiro, o que sería a erosión ou o desgaste da institucionalidade e a legalidade do sistema venezolano en todos os ámbitos: económico, político, cultural.. e, como segundo cometido, xerar fóra de Venezuela unha imaxe -obviamente fabricada- para vencellar a realidade interna do país ao caos, á miseria, á delincuencia etc. Chegando mesmo a utilizar dentro de Venezuela imaxinarios inexistentes creados en Madrid ou Miami.

“A guerra híbrida trata de instalar de maneira esquizoide na mente das persoas sensacións e realidades paralelas que non teñen base, pero a súa utilidade é evidente a hora de debilitar a conciencia das persoas e converténdoas en dóciles instrumentos contrarevolucionarios.”

Para a utilización desta ferramenta perversa, os xendarmes do imperialismo botan man de multitude de instrumentos, dos que citaremos a subvención directa e descarada a grupos “opositores”, campañas descarnadas dos grupos mediáticos, promoción das chamadas “guarimbas”, o bloqueo económico, a sabotaxe a infraestruturas, o armado e instrumentación de grupos de delincuente,etc.

A guerra híbrida ten un condimento fondamente cognitivo, trata de instalar de maneira esquizoide na mente das persoas sensacións e realidades paralelas que non teñen base, pero a súa utilidade é evidente a hora de debilitar a conciencia das persoas e converténdoas en dóciles instrumentos contrarevolucionarios.

O pobo venezolano resiste

Mais a pesar de todos os ensaios habidos e por haber contra o pobo venezolano, o goberno co Presidente Maduro á cabeza segue facendo un alarde de valentía e de dignidade fronte á agresión imperialista. A pesares do veleno ciscado pola campaña imperialista e dos seus lacaios dentro e fora de Venezuela durante anos, os sectores populares resisten acompañando o liderádego da Revolución Bolivariana.

A pesares do bloqueo criminal ó comercio, o bloqueo ás exportacións petroleiras, a pesar das múltiples intervencións para sabotar as infraestruturas básicas (electricidade, transporte,..), a pesares das sabotaxes de sectores empresariais o pobo venezolano maioritario sigue apoiando o proceso comezado por Hugo Chávez fai vinte e cinco anos.

Venezuela é a primeira trincheira fronte o imperialismo e o fascismo

Cando isto afirmamos non é que nos esquezamos da Palestina mártir, nin do sufrimento do Pobo Saharauí, tampouco da Cuba revolucionaria e de todos aqueles pobos cercados e agredidos polas gadoupas do imperialismo, xamais nos esqueceremos. Pero na medida que o imperialismo maquina e manexa as súas intervencións, nós debemos de ser quen de saber identificar a urxencia e o momento (conxuntura histórica) onde se sitúa a contradición principal.

Sería imperdoable que unha organización obreira como a nosa se esquecera ou se equivocara na diagnose. Hoxe Venezuela, a súa Revolución Bolivariana e o seu pobo, demandan a nosa solidariedade activa e sen disimulo. Recadan tamén a nosa repulsa da agresión imperialista ianqui e dos colaboradores a este lado do océano comezando polos que se visten de progresistas e en realidade exercen de peóns da oligarquía.

Como galegos e galegas que no seu día migramos masivamente polo mundo e tamén a Venezuela, e como sindicato clasista e internacionalista a nosa posición ten que ser diáfana, sen peros sen equidistancias. Non nos pode mediatizar o cálculo político electoral nin o triste rol de sectores retornados ou emigrantes venezolanos intoxicados polo vómito do imperialismo ou o fascismo.

Diso nós algo sabemos. O noso mais lúcido Celso Emilio Ferreiro contóunolo no ano 1968 no seu “Viaxe ao País dos Ananos”. Confundir a migración económica ás veces de terrible sufrimento, incluso a lexítima disidencia de opinión ou diferencia ideolóxica, con xermolos do fascismo sería imperdoable.

A CUT está e estará con Venezuela e co seu pobo, está e estará co seu goberno democrático e co seu presidente constitucional, Nicolás Maduro Moros. A CUT está e estará coa Revolución Bolivariana. Demandamos de todas as organizacións, de todos homes e mulleres a título individual, da esquerda política, da sindical e da esquerda sociolóxica, un paso adiante no apoio sen dúbidas e sen agocharse á Venezuela agredida polo imperialismo criminal.

Secretariado Político da CUT