A CUT con Irán

237

Hegel di nalgún lugar que todos os grandes feitos e personaxes da historia universal aparecen, por así dicilo, dúas veces. Pero esqueceuse de engadir: unha vez como traxedia e outra como farsa.

Marx, K. (1852). O 18 de brumario de Luís Bonaparte.

Fronte aos discursos xenéricos dun anti-imperialismo tépedo, que manteñen unha condena abstracta da guerra colonial, o Secretariado Político da CUT chama a manter un aliñamento directo coa sobrevivencia da nación iraní, foco de resistencia anticolonial.

A decana batalla pola depredación de Oriente Próximo segue por medios militares e económicos baixo o permanente esquema dos intereses estadounidense. Sobre o terreo vén encarnada polo seu “portaavións” local: Israel, que encetou esta guerra. Foi Alexander Haig, asistente de Kissinger, Nixon e Secretario de Estado de Reagan quen o retratou así:

…[Israel é] o maior portaavións estadounidense do mundo que non leva nin un soldado americano a bordo, non se pode afundir, e está ancorado nunha rexión crítica para a seguridade nacional”.

O denominado “eixo da resistencia” desenvolve un papel esencial como freo de emerxencia das aspiracións do Gran Mal. Este poder ven disciplinando dende hai décadas – nas que se organizou de maneira máis ou menos informal – as boutades ianqui-sionistas, supoñendo un contrapeso xeopolítico tan efectivo que chegou poñer en risco a propia existencia do proxecto colonial (Yom Kipur, 1973).

Irán non só é o cerne económico e militar do Eixo da Resistencia Antiimperialista, e por tanto o natural facilitador de recursos económicos, militares e de intelixencia fronte ás pretensións coloniais do agrupamento de autoprotección da media lúa xta. Esta estrutura impugnatoria da orde mundial está formada por Hezbolá (a principal institución militar do quebrado Líbano), o movemento Ansorolá (hutí) do Iemen, sectores da resistencia Palestina, a insurxencia xiíta iraquí e, ata hai pouco, a Siria gobernada polo Partido Baaz árabe socialista de Bashar al Assad.

Durante o último ano asistimos sen ningunha caste de reacción ao debilitamento sistemático dos socios do eixo con diversas intervencións imperialistas que levaron ao asasinato do líder de Hamás e ex-Primeiro Ministro da Autoridade Nacional Palestina Ismail Haniya (xullo, 2024); de Ibrahim Akil, Hasán Nasralá e Hashem Safiedín líderes de Hezbolá (setembro e outubro de 2024), a intervención do ianqui-sionismo no curso da guerra civil siria para a destitución do Partido Baaz árabe socialista de Bashar al Assad (decembro, 2024) e mailo ataque – afortunadamente frustrado – dos EEUU aos hutís (ata maio de 2025).

Esta guerra prolongada que só agora se dirixe contra Irán ao ser unha nación que sempre lle resultou temíbel ao imperio, por máis que se organice para disolver o movemento antiimperialista de Oriente Próximo, pretende adobiarse de lexitimidades e narrativas que a encubran.

Dunha banda, a repetición case cómica se non for polo tráxico sacrificio de vidas –do discurso de agresión ao Iraq: a procura de armas nucleares. Que ven imposto polas propias “potencias nucleares” (EEUU, Reino Unido) e o novo estado nuclear sionista, que non só gozan dun nutrido arsenal senón que están a bloquear de maneira estábel os tratados de desarme nuclear – TPAN, 2017 -, só chegando a referendar o tratados que llas permite conservar como vantaxe militar, como o tratado de non proliferación -TNP, 1970 -. Isto en tanto que Irán leva anos a promover o desarme conxunto e simultáneo, para adheriren todas as nacións universalmente o tratado de prohibición.

Doutra banda, é preciso alertar que o capitalismo woke procurará unha inxección de lexitimación que lle permita torcer a soberanía da nación iraniana co obxecto de instrumentalizar ao seu favor os discursos sociais, e disciplinar á progresía socialdemócrata en favor da guerra. O réxime criminal sionista xa leva días a producir un intenso discurso caricaturesco sobre a necesidade de derrocar o “réxime dos aiotolás”, palabro de orde adoptado acriticamente por todos os medios de comunicación, que non se atreven, pola súa vez, a falar ás claras do carácter xenocida do ideario sionista.

Conforme avanza a agresión, os seus medios irán elaborando unha análise minuciosa dos desequilibrios económicos e sociais internos do Irán, na procura de provocar ao postureo ético (virtue signalling), co obxecto de neutralizar narrativamente ás forzas de esquerdas, convidándonos a contribuír e aceitar a nivel discursivo á agresión imperialista.

Os conflitos coloniais no oriente próximo sempre falan de petróleo, gas, seguridade e ocupación. Nunca de liberdades civís. Ao punto de que Israel e Estados Unidos combateron sen cuartel dende mediados do pasado século o proxecto emancipatorio do nacionalismo progresista árabe – que os ameazou coa expropiación dos recursos saqueados – provocando unha entrega deliberada da gobernabilidade do mundo árabe ás forzas relixiosas islámicas. Para mostra recente, a suplantación do Partido Baaz árabe socialista en Damasco, sendo que en maio de 2025 Donald Trump recibía cun forte apertón de mans a Abu Mohamed al-Golani, actual presidente sirio, cuxo mérito recente é liderar a Frontre Al Nusra, é dicir, Al Qaeda. A mesma Al Qaeda que atacou aos EEUU no seu cerne e ameazaría -segundo manifestaron ata o fastío- a seguridade internacional.

A CUT está con Irán porque a súa integridade e a do eixo da resistencia é crucial para que un proxecto de vida digna e de paz no mundo persa e árabe sexa viábel. Calquera futuro de emancipación pasa pola previa contención e posterior erradicación da ocupación colonial sionista no Próximo Oriente. Só así será posíbel un futuro no que a esquerda se reincorpore aos modelos políticospersas e árabes. E no que a xestión dos seus recursos e territorios sexa para a liberdade.

Secretariado Político da CUT