A CUT COA FOLGA XERAL, SEN DÚBIDAS

75

O sindicato nacionalista maioritario, a CIG, ven de facer pública a convocatoria de FOLGA XERAL para o día 27 de xaneiro. A CUT secundará esta folga e porá ao seu servizo todos os seus recursos.A nosa central sindical leva dende finais do ano 2007 denunciando que o capitalismo pretende solucionar a súa crise sistémica volvendo a situarnos no século XIX. Dixemos nas rúas que ESTE SISTEMA NON SERVE e hoxe a historia demostra que entramos nunha nova etapa na que debemos tomar a iniciativa ou imos cara ao escravismo e a explotación sen límites.

Os partidos políticos, tanto teñen as siglas legais que os amparen, renunciaron á ideoloxía e convertéronse nos xestores do capital. O que eles chaman democracia en realidade é CAPITALISMO PARLAMENTARIO. Os profesionais da política deciden nas cortes e parlamentiños autonómicos cal vai ser o noso futuro e a nosa vida sen nos ter en conta: reformas laborais, pensións, privatizacións, subas de prezo, conxelacións salariais, maior opresión nacional, persecución do idioma e da nosa cultura… deciden o que temos que opinar, sobre que temos que opinar e cando podemos falar, e se non facemos caso levamos pao e represión “democrática”.

 

A CUT defendeu, defende e defenderá a MOBILIZACIÓN CONTUNDENTE E CONTINUADA como xeito de reverter esta situación. Defendemos a capacidade do pobo traballador galego para ser o protagonista da súa historia. Secundamos a folga e demandamos que a CIG non teña titubeos nen dúbidas, que non estea a expensas do que decidan en Madrid CCOO e UGT, porque a razón de ser sindicato nacionalista non é outra que tomar a iniciativa na defensa dos traballadores e traballadoras do teu país, e para iso é necesario que pensen en clave galega. Unha vez máis facemos pública a nosa intención de colaborar para que a Folga sexa un éxito e desta vez esperamos que a CIG saiba prescindir dos intereses particulares e conte con nós.

Así mesmo demandamos que CCOO e UGT secunden esta folga como os demais secundamos a convocatoria do 29 de setembro e fixemos, en moitos casos, o traballo que eles tiñan que facer e non fixeron.

A raiba é un sentimento en alza entre a clase obreira galega, cada vez somos máis os que non queremos seguir perdendo dereitos e calidade de vida. Temos que organizarmos sen sectarismos dende a esquerda sindical, e transmitirmos confianza en que a loita é o único xeito de defender os nosos dereitos. A Folga Xeral do próximo Xaneiro é unha boa oportunidade para comezar 2011 loitando para que a crise a pague o capital.

 

POR UNHA GALIZA CEIBE

CONTRA O CAPITAL, UNIDADE E LOITA SINDICAL!

TODAS/OS Á FOLGA XERAL!!!