A CUT coa folga na hostalería

221

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, negociadoras do Convenio Provincial da Coruña de Hostalería, convocan folga para o vindeiro 12 de agosto.

Dende decembro de 2024 non hai suba salarial en soldos que son uns dos máis baixos de galiza.

A patronal pretende dar a estocada final aos paupérrimos dereitos que as traballadoras teñen neste sector. A intención última é eliminar o complemento nas Incapacidades Temporais, que na actualidade é do 100% dende o primeiro día da baixa.

Á patronal xa non lle chega con salarios casi rozando o S.M.I ou xornadas esgotadoras senón que pretende dar outro paso máis… criminalizando os corpos enfermos de milleiros de traballadoras que non soportan máis tanta precariedade.  

Sae recurrentemente nas portadas dos principais medios a famosa frase da patronal de que “non se atopan profesionais para atender a demanda de clientes”. Este titular repetido cae como unha patada no estómago de cada traballadora que sabe o que é sofrer nas súas propias carnes o que son xornadas interminabeis en condicións precarias.Pero quen quere vivir así? Como atopar traballadoras?

A receita da patronal para resolver a suposta falta de profesionais é engadir máis ingredientes ao sofrito de ansiedade, depresións, dores musculoesqueléticas crónicas, burnout, acoso laboral, salarios pírricos, nula conciliación, xornadas esgotadoras semanais que superan as 56 horas….. e todo isto por un custo low cost para os empresarios.

É hora de que camareiras de pisos, cociñeiras, recepcionistas, mantemento, comerciais, camareiras, etc. colguen os uniformes e secunden o paro.

Non podemos permitir que a patronal estrague máis a saúde e o futuro das profesionais que xeran a riqueza co seu esforzo nun dos sectores chave na economía do país.

Non podemos permitir unha eclipse total nos nosos dereitos.

O 12 de agosto… todas a folga!!!

A loita é o único camiño!.