A CUT chama a votar sen medo nas eleccións en Stellantis Vigo

215

A CUT afronta as vindeiras eleccións sindicais en Stellantis Vigo coa vontade de abrir unha nova etapa na fábrica baseada na defensa da saúde, o emprego estable, os salarios, a conciliación e a participación real das persoas traballadoras. Para a organización, estas eleccións non deberían limitarse a decidir que siglas ocuparán os postos do Comité de Empresa, senón tamén a decidir que modelo de fábrica queremos para os vindeiros anos e que capacidade queremos ter as persoas traballadoras para participar e decidir sobre o noso propio futuro.

Stellantis Vigo amosou durante anos a súa capacidade industrial, pero para a CUT existe unha cuestión que non se pode seguir ignorando: producir máis non pode significar automaticamente que as mesmas persoas teñan que traballar máis rápido, soportar máis carga, asumir máis presión ou poñer en risco a súa saúde. A competitividade da fábrica non pode construírse sobre o desgaste das persoas traballadoras. O crecemento industrial debe traducirse tamén en emprego estable, salarios dignos e mellores condicións de traballo.

“A CUT defende reducir ritmos e cargas cando comprometan a saúde, avaliar o impacto das novas cadencias, investigar as enfermidades profesionais, garantir adaptacións efectivas dos postos e reforzar a participación da representación das persoas traballadoras en materia preventiva.”

A saúde laboral é unha das principais preocupacións da CUT. Non podemos normalizar que o desgaste físico e psicolóxico se converta nunha consecuencia asumible da organización produtiva. Se unha persoa xa non pode realizar un determinado posto tamén debemos preguntarnos se ese posto está correctamente deseñado e organizado. A prevención non pode consistir en explicar como debe soportar unha persoa o seu posto de traballo senón en adaptar o traballo ás persoas. Por iso, a CUT defende reducir ritmos e cargas cando comprometan a saúde, avaliar o impacto das novas cadencias, investigar as enfermidades profesionais, garantir adaptacións efectivas dos postos e reforzar a participación da representación das persoas traballadoras en materia preventiva.

Esta cuestión será especialmente importante nos próximos anos polo avellentamento do cadro de persoal. As persoas que levan décadas traballando na fábrica acumulan experiencia e coñecemento, pero tamén desgaste físico. Esa experiencia debe ser coidada e os postos deben ser adaptados para permitir chegar á xubilación con dignidade, sen que o desgaste acumulado durante anos de traballo se converta nun argumento para prescindir de quen xa non pode soportar os mesmos ritmos ou tarefas.

Tamén debemos falar dos salarios e das condicións necesarias para desenvolver un proxecto de vida. Ter un emprego estable non debería significar ter dificultades para acceder a unha vivenda ou para independizarse. En Vigo e na súa área, o custo da vivenda converteuse nun problema que afecta directamente ás familias traballadoras, obrigando en moitos casos a vivir máis lonxe do lugar de traballo, con maiores custos e tempos de desprazamento.

Ao mesmo tempo, a organización do traballo ten consecuencias directas sobre a vida fóra da fábrica. Quendas, calendarios, bolsas de horas, cambios de actividade, ritmos, descansos, mobilidade e flexibilidade non son cuestións exclusivamente produtivas. Non podemos falar de conciliación mentres cada vez resulta máis difícil organizar a vida familiar e persoal. A CUT defende máis previsibilidade, estabilidade e participación, fronte á dispoñibilidade permanente do tempo das persoas traballadoras.

A defensa das condicións de traballo tamén debe incluír a protección das persoas cando enferman. Unha persoa non deixa de ser traballadora porque estea en situación de incapacidade temporal e a enfermidade non pode converterse nunha causa de penalización económica ou laboral. A CUT considera necesario avanzar cara un modelo con máis protección, transparencia e garantías.

“O Comité de Empresa debe ser unha ferramenta das persoas traballadoras e non simplemente un lugar onde se reciben ou votan decisións xa tomadas.”

Coma organización sindical tamén queremos cambiar a forma de exercer a representación. As persoas traballadoras teñen dereito a coñecer que se negocia, por que se negocia e que consecuencias pode ter cada decisión. Non debería ser necesario esperar a que un acordo estea asinado para coñecer o seu contido. Para a CUT, debe existir información antes, participación durante e rendición de contas despois. O Comité de Empresa debe ser unha ferramenta das persoas traballadoras e non simplemente un lugar onde se reciben ou votan decisións xa tomadas.

A CUT non pretende presentar estas eleccións como unha competición de promesas nin afirmar que todos os problemas da fábrica se poden resolver desde un Comité de Empresa. Pero si considera necesario recuperar unha idea fundamental; non debemos aceptar como inevitable aquilo que pode ser discutido, negociado e cambiado. Non hai que asumir como inevitables o aumento dos ritmos, a perda de emprego estable, a penalización da enfermidade, a perda de poder adquisitivo ou unha conciliación subordinada sempre ás necesidades produtivas.

“A CUT chama ao conxunto do cadro de persoal de Stellantis Vigo a participar nas eleccións e a exercer o seu dereito con liberdade, sen presións e pensando que modelo de fábrica quere para os vindeiros anos.”

E ante a proximidade das eleccións, a CUT quere facer especial fincapé nunha cuestión esencial; a liberdade de voto. Cada persoa traballadora debe poder decidir sen presións, condicionamentos, compromisos ou medo. O voto é individual e debe responder ao criterio de cada traballador/a.

Por iso, a CUT chama ao conxunto do cadro de persoal de Stellantis Vigo a participar nas eleccións e a exercer o seu dereito con liberdade, sen presións e pensando que modelo de fábrica quere para os vindeiros anos.

Porque a democracia sindical non consiste só en poder votar. Consiste en poder votar libremente. E cada persoa traballadora ten dereito a decidir por si mesma que futuro quere para a fábrica, para os seus compañeiros e, sobre todo, para a súa propia vida.