A CUT chama á folga pola consolidación do emprego nas administracións galegas o xoves 28 de outubro

1285

As traballadoras de todas as administracións e empresas públicas están chamadas a mobilizarse cunha manifestación en Compostela ás 12h

A Central Unitaria de Traballadoras lanza un chamamento a todas as traballadoras do sector público galego para esixir o fin da temporalidade, a fraude e a precariedade nas administracións galegas convocando folga para o xoves, 28 de outubro, durante todo o día, e secundando a convocatoria unitaria nos diferentes territorios do Estado.

A folga da CUT artéllase como instrumento para defender un marco negociador galego e unha lexislación propia para resolver o drama da temporalidade e do trato discriminatorio do persoal temporal das administración galegas, ao tempo que insta á Xunta de Galiza a levar estas reclamacións ao Congreso español.

Unha vez que o goberno da Xunta de Galicia rexeitou tramitar a ILP de consolidación do emprego público na Galiza, e como xa anunciamos no Parlamento o pasado 28 de setembro, as rúas non calarán mentres unha soa de nós permaneza precarizada.

Esta iniciativa conflúe coa convocatoria de folga xeral na administración de ámbito estatal convocada polos sindicatos Co.Bas, Confederación Intersindical e Solidariedade Obreira, e apoiada pola CUT, Federación de Enseñanza de CGT, CGT Andalucía Ceuta y Melilla, ISTA-Intersindical, IAC-CATAC, Intersindical Valenciana, STEM, Somos Sindicalistas, SAS, CNT-AIT Madrid, así como con outras convocatorias de ámbito territorial noutros puntos do Estado.

Nesta convocatoria reclámase a estabilidade das empregadas en abuso de temporalidade, cunha lexislación que recolla a consolidación deste persoal, dacordo co establecido polo Tribunal de Xustiza da UE na sentenza de 19 de marzo de 2020.

Para as convocantes, o proxecto de lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público -coñecido como “Icetazo” a debate nos próximos días no Congreso tras o período de emendas-, non soluciona o problema e aínda o agrava, sancionando ás traballadoras co despido forzoso e con indemnizacións que poderían levar á creba das arcas públicas e poñer en risco os servizos públicos que sosteñen as nosas vidas.

Demandamos, modificacións normativas que posibiliten unha consolidación real do persoal e dos postos de traballo, a paralización das ofertas de estabilización xa publicadas, sanción dos xestores responsables do abuso de temporalidade e a potenciación dos servizos públicos.

Con estas reivindicacións que son de todas, a Central Unitaria chama a toda a cidadanía a sumarse á manifestación que sairá ás 12 h do propio 28 de outubro da Praza Roxa de Compostela. PORQUE O PÚBLICO É DE TODAS. CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO PÚBLICO XA!