Neste días estamos a coñecer con detalle que centros e ciclos están afectados polos recortes na FP que quere introducir a Consellería de Educación. Un novo capítulo de reordenación desta ensinaza en favor de intereses empresariais e afastado da realidade pedagóxica e educativa que supón recorte de calidade e coma sempre tamén de profesorado.
A situación é de gravidade dado que a deriva da FP para ser convertida en entes empresariais fiscalizados dende o poder da Xunta e as súas direccións-xerencias, deixa de lado o aspecto educativo a cambio do máximo rendemento custe-beneficio.
Para máis pechan ciclos presencias tanto en nivel superior coma medio e básico, sendo que o alumnado queda sen aulas presenciais nunha formación eminentemente práctica, sen contacto formativo persoal co profesorado, atrevéndose incluso a suprimir o contacto presencial nos ciclos de Integración Social, ou Igualdade do CIFP A Xunqueira en Pontevedra e Fontiñas. O caso destes últimos é demencial, dado que son ciclos onde o contacto de proximidade é necesario e ineludible no desempeño social destas profesións que ademais están altamente feminizadas.
Tamén pecha o ciclo presencial de informática no IES de Teis e outros no IES de Chapela de Dietética e Educación Infantil en, xunto co peche no IES As Fontiñas de ciclos como o de Igualdade en Compostela ou de Limpeza en Pontevedra e tamén ciclos no CIFP Ánxel Casal da Coruña.
O profesorado da FP está farto tras unha reordenación nefasta, na que moitos docentes quedan fóra sen garantía de continuidade ante o cambio normativo, outros por causa das insuficientes prazas de estabilización e agora para dar o remate final, polo peche das aulas destes ciclos formativos, sen sequera pasar polo ámbito de negociación sindical.
Por todo isto e a actitude habitual de imposición sen ningún tipo de preaviso ao claustro do centro, amosan o tipo de xestores que temos, cada día máis afanados en exercer o autoritarismo e eliminar calquera atisbo democrático nos centros de ensino. O claustro xa non decide nada, todo vén organizado e masticado dende ámbitos alleos á docencia.
A clave do asunto está en cubrir as cifras de alumnado na FP que esixe a Unión Europea para dar as súas contrapartidas, unhas cifras que en matrícula presencial levarían á necesaria ampliación de recursos humanos e físicos, algo no que a Consellería é experta en facer xusto o contrario: recortar e despedir. O 31 de agosto centos de docentes de Formación Profesional con amplo bagaxe serán despedidos ao non obter praza no engano do proceso de estabilización e isto só fai sumar problemas a este colectivo, con cambios normativos de gran calado e pesimamente xestionados dende San Caetano.
É por iso, os recortes de persoal e o ataque á calidade e mercantilización da formación profesional o que nos leva a pedir a asistencia masiva ás mobilizacións convocadas nestes centros por polas comunidades educativas este Venres 16 ás 11.30h.
O alumnado posto en contacto con nós, solicita o voso apoio. Non faltedes.
BASTA XA DE ABUSOS!
RECUPEREMOS O PAPEL DECISORIO DOS CLAUSTROS
ENSINO PÚBLICO PARA O POBO, NON PARA O IBEX