A CUT asistiu á reunión da UIS do Transporte da FSM en Lisboa

103

O pasado 17 de novembro de 2009 tivo lugar en Lisboa a Conferencia Europea da Unión Internacional dos Sindicatos (UIS) de Transportes da Federación Sindical Mundial (FSM).Esta iniciativa moi importante para a rexión europea, neste sector estratéxico, contoú coa participación de 7 e 5 organizacións internacionais e nacionais respectivamente, procedentes da Inglaterra, Chipre, Grecia, Rusia e Bielorusia ademáis dos camaradas de Portugal e do Secretario Xeral da UIS do Brasil e do Presidente da UIS-Transporte José Manuel Oliveira do Sindicato Nacional dos Trabalhadores do Sector Ferroviario de Portugal.En representación da Oficina Rexional Europea da FSM asistiu Xan Carballo, Secretario de Relacións Internacionais da CUT, que trasladou un saudo ás delegacións partipantes, así como tamén presentou un informe sobre a situación do transporte na Galiza. Finalmente o 19 de novembro, celebrouse unha concentración de delegados e dirixentes dos diversos sectores de transporte de Portugal diante do Ministerio de Transportes, na que falaron diversos camaradas denunciando a política do Goberno.En representación da FSM o camarada Xan Carballo salientou as conclusións da Conferencia e chamou a estar preparados para unha mobilización europea a concretar polas diversas organizacións do sector de transportes e fixada para o primeiro trimestre de 2010.De seguido aportamos o relatorio de Xan Carballo ante a UIS do Transporte:

Compañeiros/as:

A situación do transporte público galego non deixa de ter o mesmo percorrido que o resto do tecido industrial de carácter público. Nos últimos 15 anos vense acelerando o proceso de privatización sendo o único criterio que se ten en conta o beneficio económico, claro está, en prexuizo dos intereses públicos.

A práctica habitual ven sendo o peche das pequenas empresas coa escusa dun rendemento económico deficitario ou a súa compra por parte dunha máis forte, levando este camiño ao monopolio.

En Galiza existían tres grandes focos de transporte: marítimo, por estrada e vía ferrocarril. Deixando a un lado as eivas históricas que fixeron do noso país un dos peores comunicados do estado español, onde máis tarde chegaba a modernización das comunicacións, co conseguinte prexuizo para o desenvolvemento económico, debemos dicir nos tres casos imos a peor.

En canto ao transporte por estrada elimináronse as compañías de carácter local que cubrían as rutas de proximidade, quedando só servizo entre os puntos onde maior tránsito de viaxeiros e viaxeiras había, e deixando incomunicados e sen servizo aos habitantes das vilas pequenas. A dispersión da poboación galega, propia da súa estrutura económica e da súa historia, fai necesario un transporte público que dea conexión á multiplicidade de núcleos de poboación, pero este criterio foi eliminado en interese do beneficio económico e do colonialismo español que obriga a unha distribución da poboación tendo en conta só os intereses e hábitos de pobos que nada teñen que ver co galego. Queren obrigarnos a abandonar o rural e concentrar a poboación nas urbes, contribuíndo de paso á destrución do sector agrogandeiro que xa foi vendido polo estado español coa entrada na Unión Europea do capital.

Outra consecuencia directa desta política é a construción de centos de quilómetros de estradas polas que non pasa un coche; a intención non é outra que repartir os cartos públicos entre as empresas amigas do poder ao tempo que intentan obrigar ao pobo a inverter no transporte privado (turismos) para esquivar a obriga dos transportes públicos e, novamente, facer negocio coas empresas de automoción.

A día de hoxe o transporte por estrada está nas mans, fundamentalmente, de dúas compañías: MONBUS E ALSA. Entre ambas as dúas repártense o pastel e as rutas de transporte que a política, e non os intereses públicos, decidiron como adecuadas.

Se falamos do ferrocarril non podemos máis que dicir que a tendencia é a súa eliminación. Os chamados trens de proximidade están desaparecendo e, novamente, potencian só a unión entre os núcleos urbanos principais. Nos últimos meses desapareceron decenas de estacións de ferrocarril coa escusa do seu escaso rendemento económico, deixando a estes pobos na obriga de andar quilómetros para achegarse á estación máis próxima, no mellor dos casos, ou tendo que utilizar outro transporte.

Na política do ferrocarril destaca tamén a última tendencia inútil e especulativa: o AVE. Co papanatismo da modernidade alimentan a cobiza de empresas de construción, e anexas, construíndo un monstro caro do que non se vai aproveitar o pobo e que só atende aos criterios urbanos e dos grandes negocios do capital.

Debemos facer tamén mención ao transporte marítimo, que ten sobre todo incidencia nas Rías Baixas. Este foi un medio de comunicación moi utilizado entre as vilas mariñeiras que agora está en mans de monopolios, por concesión pública, encarecendo ese transporte coa conseguinte perda de pasaxeiros que será utilizada como escusa para a súa eliminación.

Por último habería que destacar as negativas consecuencias medioambientais que teñen estas políticas de claro carácter capitalista.

Dende a CUT demandamos potenciar o transporte público por terra, mar e ferrocarril. Con tres de proximidade e transportes urbanos frecuentes e en condicións que permitan a súa utilización por parte dos traballadores e traballadoras. É necesario educar nesa dirección para coidar o medioambiente e participar na protección dos intereses dos nosos herdeiros e herdeiras.

 

Lisboa, 17 de novembro de 2010