Unha vez máis os grandes sindicatos xogan ao despiste e deixan sen información ás traballadoras das Escolas Infantís de Galiza. Un sector dos coidados, absolutamente feminizado que a duras penas chega ao SMI, e que sen dúbida é un dos máis precarizados do país.
A pesar de non estarmos dacordo co xeito no que se convoca a folga do día 19, partindo dun sindicato a nivel estatal, ignorando aos sindicatos galegos e sen partir da mesa do comité na Galiza e as pertinentes asambleas, a CUT súmase á folga e ás mobilizacións convocadas para mellorar o convenio e devolver a dignidade de todas as profesionais que traballan coa infancia.
Será o xoves 19 con dúas manifestacións ás 12.00 h na Coruña (Praza de Pontevedra) e Vigo (MARCO) para reclamar a mellora do convenio.
As profesionais das Escolas Infantís 0-3 afrontan diariamente xornadas cun nivel de exixencia por parte da Xunta, Concellos e empresas humanamente imposible na maioría dos casos, asumindo unha grande carga de traballo e de estrés. Este maltrato institucional ás traballadoras segue xustificando que o coidado e educación das crianzas pretende ser case gratis para o Estado.
As nosas reivindicacións non variaron dende a convocatoria previa ao verán. Tras o parón estival retomamos a mobilización para conseguir aquelo que faga digna a nosa labor:
- Subida salarial acorde ao SMI tanto para as escolas de xestión privada directa como as de xestión indirecta sometidas a organismos públicos.
- Cumprimento dos pregos de condicións públicos nas escolas de xestión indirecta.
- Redución da xornada de traballo semanal.
- Descansos equiparables a resto dos ciclos de ensino.
- Aumento do descanso diario e tempo para xantar. .
- Aumento da formación das traballadoras por parte da empresa dentro da xornada laboral.
- Entrega de roupa de traballo axeitada a cada trablladora, co calzado correspondente (de verán e inverno).
- Plan de prevención de enfermidades físicas (espalda, xeonllos) e mentais (estrés, depresión, transtornos adaptativos….)
- Tempo de programación e organización incluído na xornada laboral.
- Eliminación dos contratos fixos discontinuos.
- Aumento de permisos que permitan a conciliación coa vida familiar e persoal: médicos, titorías, etc.
- Figura da dirección pedagóxica como persoal fixo e non de contratación temporal.
“Na actualidade existen dúas táboas salarais diferenciadas para traballadoras de xestión directa e indirecta, evidenciando as diferenzas salariais entre un servizo dependente do público ou 100% de xestión privada.”
Na actualidade existen dúas táboas salarais diferenciadas para traballadoras de xestión directa e indirecta, evidenciando as diferenzas salariais entre un servizo dependente do público ou 100% de xestión privada. A proposta de unificala baixo criterios máis próximos aos entes privados e negando as condicións salariais dos pregos públicos é algo inadmisible.
O Real Decreto de Infantil publicado en 2022 dota de carácter educativo a toda a Educación infantil, ampliando a gratuidade aos dous ciclos (na Galiza dende 2021-22). O certo é que esta medida celebrada por todas e asumida polo erario público, non levou aparellado un plan de reordenamento da escolas infantís mediante o seu traspaso ao sector público ou a construción de máis escolas públicas nas que resituar ás traballadoras do servizo sostido con fondos públicos.
“No fondo da negociación deste convenio está a resistencia a afrontar o problema de fondo por parte de patronal e sindicatos: non se pode manter o negocio privado con cartos públicos por moito máis tempo.”
No fondo da negociación deste convenio está a resistencia a afrontar o problema de fondo por parte de patronal e sindicatos: non se pode manter o negocio privado con cartos públicos por moito máis tempo. Con tal motivo, e sen ter presencia na mesa estatal, dende a CUT posicionámonos con respecto ao XIII Convenio:
- Aumento do salario para todas as traballadoras (xestión directa e indirecta) conforme as táboas salariais públicas en Educación Infantil.
- Equiparación dos permisos co persoal da Consellería de Política Social.
Ademais pedimos, nunha negociación máis ampla na mesa e a medio prazo:
- A conversión para o público das escolas infantís privadas subvencionadas con todas as súas traballadoras e o fin da xestión indirecta.
- O traspaso de competencias das escolas 0-3 á Consellería de Educación, unha vez recoñecido o seu carácter educativo no RD de Educación Infantil de 2022.
CUT Ensino-Educación Infantil 0-3