As traballadoras e traballadores da CRTVG veñen de dar unha mostra de dignidade e contundencia no seguimento das diferentes mobilizacións que precederon á folga que tivo lugar o 10 de outubro, e durante o propio transcurso da folga no servizo que contou cun seguimento nidiamente maioritario que foi cualificado polo propio Comité Interempresas de “histórico”.No trascurso da xornada de folga, a xornalista Ana Pérez e o seu compañeiro de telexornal Alfonso Hermida, conduciron un contrainformativo especial na Praza do Toural, que coordenado por un amplo grupo de traballadoras e traballadores do servizo, e participado masivamente polas compañeiras e compañeiros folguistas, denunciou a presión privatizadora sobre a CRTVG, a falta de garantías para a producción propia e, polo tanto, a falta de garantías para o conxunto dos dereitos colectivos e mesmo para a estabilidade no emprego para o plantel desta empresa pública galega.Estes compañeiro e compañeira, veñen de ser represaliados por unha Dirección Xeral que desenvolve na CRTVG unha xestión escurantista acompañada de prácticas autoritarias e disciplinarizantes co obxectivo de entregar un servizo que é de tod@s ao goberno que se alterne no poder autonómico.A compañeira e o compañeiro veñen de ser apartados da súa responsabilidade de conducir o programa especial de seguimento da noite electoral do 20N que xa lle fora comunicada pola propia Dirección. A CUT condena esta decisión ás claras represiva, e fai un chamado a todas as traballadoras e traballadores a participar das diferentes medidas que o Comité Interempresas propoña durante os vindeiros días para responder a esta grave agresión.A CUT aproveita tamén para saudar a dignidade de Alfonso Hermida e Ana Pérez, que onda o resto de profesionais do servizo, están a defender cunha actitude responsábel e combativa o futuro público da CRTVG.