A CUT adhire o manifesto da Villamil sobre o acordo Cuba-EEUU

74

A Central Unitaria de Traballadores/as adhire o comunicado da Asociación Francisco Villamil de Amizade Galego-Cubana sobre o recente acordo entre Cuba e os USA.A noticia dun acordo entre Cuba e EE UU para o restablecemento de relacións diplomáticas, o intercambio de prisioneiros e a flexibilización do bloqueo, constitúe un acontecemento de enorme transcendencia a nivel internacional.Durante medio século, EE UU practicou unha política de agresión continuada contra Cuba, afirmación verificada pola propia Administración norteamericana, que, en 1975, a través dunha comisión de investigación presidida polo senador Frank Church, documentou 8 intentos da CIA de asasinar a Fidel Castro.A defensa dos dereitos humanos nunca foi a razón do bloqueo económico. Cando se inicia este, EE UU levaba a cabo unha guerra xenocida en Vietnam (con uso de armas prohibidas e matanzas de poboación civil), mantiña a segregación racial contra a minoría negra e apoiaba todas as ditaduras latinomericanas (Duvalier, Somoza, Pinochet…). Nos tempos actuais, EE UU tampouco é un modelo de respecto aos dereitos humanos. O propio Senado norteamericano recoñecía en días pasados as atrocidades cometidas pola CIA nestes últimos anos.O obxectivo real do bloqueo era causar a asfixia económica da Illa para forzar un cambio de modelo político. Os danos sufridos por Cuba ao longo destas cinco décadas foron cuantificados en máis de 100.000 millóns de dólares. Con todo, constatado o fracaso desa política belicista, o acordo diplomático logrado abre o camiño a un novo tempo no que será posible que os dous países poidan convivir pacificamente nun clima de respecto á soberanía de cada estado, de non inxerencia nos asuntos internos e de liberdade de comercio para o beneficio mutuo.