A Coruña, Compostela e Vigo sairán á rúa pola liberdade de Andrés Bódalo

98

Tres cidades galegas moveranse este domingo 10 de abril pola liberdade do compañeiro Andrés Bódalo, condenado a tres anos e medio de prisión polo permanente exercicio dun compromiso sindical co pobo traballador andaluz. Condenado por un xuíz que ten no seu haber fallos tan escandalosos como o de impoñerlle a obriga a unha vítima de violencia de xénero de acoller na súa casa ao seu agresor, e ridiculizado pola caverna mediática, sabemos ben quen está detrás da súa detención logo de arducias e fabulacións: os que sistematicamente saquean as contas públicas ao tempo que se rin dos diversos sufrimentos do pobo traballador.Pero como a solidariedade é o exercicio máis tenro de proximidade e amor entre os pobos, o vindeiro 10 de abril, ao tempo que as irmás e os irmáns do SAT camiñan para visitalo na súa prisión, Galiza estará en pé con este obreiro andaluz. No Obelisco da Coruña concentrarémonos ás 12 horas, á mesma hora que en Vigo, cidade na que a concentración se desenvolverá diante do MARCO. Finalmente ás 12.30 horas terá lugar a concentración de Compotela, na praza do Toural. Que Galiza se encha de berros pola súa liberdade é o mellor agasallo que lle podemos facer a quen entrega a súa vida á causa das traballadoras e traballadores do mundo.