As previsións de seguimento da folga obrigan á patronal pontevedresa a abrir unha mesa de diálogo para establecer melloras na provincia.
Esta mañá a sección sindical da CUT Autoescolas tivo unha mediación en Inspección de Traballo para tentar desbloquear o conflito que nos levou a convocar a folga dos días 14 e 20 de xullo, que queda agora desconvocada.
Grazas á bravura e gañas de loitar pola dignidade que mostran os traballadores e traballadoras de autoescolas, á unidade e á contundencia, xunto coa razón das nosas reivindicacións, o imposíbel converteuse en posíbel: conseguimos que a patronal sentase na mesa de negociación. Acudiu tan só a escoitar, non tiñan pensado chegar a acordo algún, mais despois de tres horas e media de xuntanza conseguimos un acordo que marcará o camiño a seguir: ou ben cara a conseguir os nosos obxectivos, ou ben cara a unha mobilización aínda máis contundente no mes de agosto.
A representación da CUT na mesa foi xenerosa e responsábel, dando unha nova oportunidade á patronal para sentarse a negociar. O día 19 xuntarémonos de novo e levaremos as propostas que nós entendemos que deben negociarse na provincia de Pontevedra e non en Madrid (o resto ben pode quedar no convenio estatal). A patronal estudará as nosas propostas en Xunta Xeral e darános unha resposta o 31 de xullo. De chegarmos a un acordo, abrirase un período para concretar eses puntos e rexistralos como convenio. De non chegarse a ese acordo, temos por diante un escenario de mobilizacións e actuacións contundentes. Somos responsábeis e xenerosas, pero só se a outra parte tamén o é.
Hoxe fomos quen de conseguir unha pequena vitoria, aínda que o camiño é longo e pode ser tamén tortuoso. Porén, coa unión e alegría que mantemos conseguiremos os obxectivos!
Seguimos no camiño, seguimos na loita pola dignidade! Compañeiros e compañeiras, a loita continúa!
Aquí podedes ver o acordo asinado hoxe.