A Consellería quere facer uso do profesorado de lingua galega como esquirol

96

Os sindicatos CUT, CNT e STEG facemos pública a seguinte posición común perante o maltrato que vén de sufrir o profesorado CELGA por parte da Consellería de Educación, que pretende empregar os profesores de galego como esquirois para menoscabar os dereitos laborais das persoas que viñan impartindo os CELGA.En datas recentes, as Inspeccións de Traballo de Coruña e Ourense sancionaron a Consellería de Educación da Xunta de Galicia por non recoñecer a relación contractual que existía entre a Administración e as persoas (perto de 500) que viñan impartindo a docencia dos cursos de galego CELGA e non telas dadas de alta na Seguridade Social.Como resposta a esa lóxica e xusta resolución das Inspeccións de Traballo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería do Sr. Jesús Vázquez toma agora a decisión de prescindir da totalidade de persoas que viñeran prestando os seus servizos como docentes dos cursos CELGA e pasar a ofertar a impartición deses cursos ao profesorado de Lingua Galega que exerce nos centros educativos de secundaria, coa consideración de “horas extras” e cunha remuneración económica que rolda os 2.500 euros. Nestes últimos días numerosos centros están sendo obxecto de chamadas telefónicas para que realicen consultas de dispoñibilidade nese sentido.
Perante esta situación, a CUT, a CNT e o STEG queren manifestar:
* A nosa solidariedade máis firme coas reivindicacións e cos dereitos laborais, recoñecidos por Inspección de Traballo, do colectivo de persoas que viñan impartindo os cursos CELGA e o seu apoio a cantas medidas e mobilizacións emprenda este colectivo no inmediato futuro para a defensa deses dereitos.* A nosa rotunda condena á actitude adoptada pola Secretaría Xeral citada e pola propia Consellería unha vez que resultou sancionada, pois non só constitúe unha descarada negativa a acatar e cumprir coa lexislación laboral e a respectar os dereitos laborais que as resolucións das Inspeccións de Traballo viñan restituír, senón que representa un vingativo “despido masivo”, totalmente arbitrario, que non ten máis xustificación que a falta de decencia e a prepotencia políticas. Preguntámonos se é así como este goberno crea postos de traballo e reduce o paro.* O seu protesto contra a reiterada actitude de desobediencia e cínica xustificación que caracteriza ao Conselleiro Jesús Vázquez e ao seu equipo diante das resolucións xudiciarias ou arbitrais sempre que lle son desfavorábeis (lémbrense os casos das sentenzas sobre decreto de plurilingüismo, sobre ilegalidade dos concertos con centros que segregan alumnado por razón de xénero, etc.).* O noso chamamento a todas e cada unha das persoas que compoñen o corpo de profesorado de Lingua Galega nos centros de secundaria neste momento para que rexeite participar nesta manobra indigna da Consellería, declinando impartir eses cursos e evitando así facer o triste papel de “rebentadereitos” a respecto doutras traballadoras e traballadores que o único que fixeron, como as resolucións das Inspeccións de Traballo poñen claramente de manifesto, foi queixarse con toda a razón dunha situación de inxustiza e conculcación de dereitos laborais que estaban padecendo e que calquera gobernante democrático con sentido mínimo da decencia procuraría resolver de maneira inmediata e satisfactoria conforme á lei.