Dende o Colexio de Traballo Social de Galicia fannos chegar a seguinte denuncia que dende a CUT Ensino non queremos deixar de acompañar. Estes profesionais veñen de solicitar a modificación da Resolución do 14 de xuño de 2021, pola que se establece, de forma experimental neste curso, pero con vocación de futuro e pemanencia, a Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar de Galicia no marco do Plan Recupera, e dentro da cal se regulan as UACO (Unidades de Acompañamento e Orientación persoal e familiar).
Dentro desta resolución establécese que un docente con destino definitivo no centro será o responsable da UACO a templo completo, non puidendo ter asinado outro cargo. Pídese que a persoa en cuestión teña algún tipo de formación en mediación, habilidades sociais e educación emocional, pero en ningún momento se fala de concretar esta función canto menos con compañeiras da especialidade de Orientación Educativa como camiño previo á incorporación nos centros do persoal cualificado axeitado: traballadoras e/ou educadoras sociais que traballen en colaboración con este Departamento.
Na resolución o docente designado terá as seguintes función:
- Acompañamento, motivación e seguimento personalizado do alumnado máis vulnerables educativamente, escolarizado en centros educativos sostidos con fondos públicos, que estean dentro do ámbito da zona xeográfica que se determine, tendo en conta a singularidade do alumnado das zonas rurais.
- Colaboración e coordinación cos equipos docentes e cos departamentos de orientación dos centros educativos sostidos con fondos públicos onde estea escolarizado o alumnado susceptible desta intervención, para un axeitado desenvolvemento do Plan Recupera.
- Impulso da implicación e colaboración das familias para asegurar unhas condicións óptimas de educabilidade.
- Coordinación e colaboración cos concellos, redes socioeducativas e outras entidades para acadar un éxito escolar máis equitativo e inclusivo.
Co obxecto de favorecer o correcto desenvolvemento das súas funcións, as persoas das Unidades de Acompañamento e Orientación persoal e familiar deberán participar nas actividades de formación que se desenvolverán por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Por todo isto dende a CUT Ensino reclamamos e exiximos que este posto sexa cuberto por un Educador ou Traballador Social e non por persoal alleo a este ámbito laboral. A ampliación do persoal nos departamentos de Orientación cun traballador específico de servizos sociais é unha necesidade evidente dende hai anos que a Xunta se nega a incorporar aos centros de ensino e que a todas luces se fai necesario perante esta resolución.
POLA INCLUSIÓN DE PROFESIONAIS DOS SERVIZOS SOCIAIS COMO RESPONSABLES DAS UACO EN CADA CENTRO EDUCATIVO DA GALIZA.