A COMPOSTELA VIVA E PARTICIPATIVA

81

O pasado domingo de mañá, unha serie de colectivos sociais, políticos e sindicais mobilizaron a un cento de veciñas e veciños polas rúas de Compostela baixo a lenda “Por unha Compostela transparente e participativa: disolución da corporación municipal”.Existe unha Compostela viva e participativa por baixo da cultura política de xestión ultraliberal, católica e de monopolio do pensamento que desprega o PP da cidade, partido implicado en varios escándalos de corrupción e detracción de diñeiro público. Unha Compostela que non se aplana diante da privatización dos servizos públicos, da imputación xudicial dos seus rexedores e concelleiras, da clausura de espazos de liberdade política e cultural como foron no seu día a Casa Encantada ou a Sala Iago, ou da dilapidación de fondos públicos no ereximento de mausoleos funerarios como a Cidade da Cultura ou templos do Capital e da Precariedade como o inmenso Centro Comercial As Cancelas.Esa é a Compostela dos traballadores e traballadoras honestas, cansas, fartas dunha administración para a minoría, da cerrazón da cidade en favor dos sectores máis reaccionarios, da opacidade duns gobernos deseñados á medida duns poucos. Dalgunha maneira debe prender aos poucos a faísca que prenda na chaira o incendio dunha nova forma de entender a cidade e a democracia. Por iso é que segue en marcha a iniciativa pola disolución da corporación municipal. Dalgunha maneira hai que varrer da historia este vello sistema antipopular, as traballadoras e traballadores precisamos pular aos poucos pola democracia das maiorías sociais.