Xa temos a doutrina da Patronal para solucionar a súa crise, e cando dicimos súa facémolo conscientemente pois estamos a falar da redución das súas ganancias. Para nós, os traballadores e traballadoras, non existe o concepto de crise, nós movémonos en graos de explotación. A pesares do tratamento de shock ideolóxico consumista ao que fomos sometidas e sometidos, tratamento que fixo posíbel o noso actual estado de pasividade, sabemos por identidade de clase que a crise non nos pertence e as súa solución tampouco. O noso camiño é agudizar a súa crise ata que o sistema caia. A doutrina patronal da unha volta máis ao feito ata agora coa connivencia dos socialdemócratas do PSOE. Son conscientes de que o pacto tácito entre os xestores do bipartidismo obriga ao PP a unha nova reforma, xa teñen a receita. Para as empresas menos pagos á Seguridade Social, nada de impostos e beneficios fiscais e, como non, garantías na prioridade á hora de chupar cartos públicos (neste caso non teñen ninguha dúbida sobre a valía do público). Para nós, os traballadores e traballadoras: 1.- Despedimento con 20 días ata un máximo de 12 mensualidades de indemnización para todos os contratos. Curioso xeito de producir emprego garantindo o despedimento barato. Non terá que ver con conseguir unha bolsa de traballadores/as escravas dispostas a todo por conservar o posto? 2.- Limitar a lei de folga para garantir o dereito ao esquirolaxe ao que eles chaman dereito ao traballo (é o único día do ano en que defenden este dereito). Non vai ser que teñamos por ocurrencia reaccionar ante o panorama que nos agarde e vaiamos cara a conflitividade social. 3.- Disminución da representación sindical: ten lóxica esta proposta porque de seguir así os delegados e delegadas non van ter nada que defender. Máis vale crear organizacións cristianas para o reparto de pan duro e roupa usada entre eses pobres obreiros que terán o beneficio do ceo. 4.- Control do absentismo: este é o grande problema da crise económica, o absentismo de ética. Supoñemos que van controlar o absentismo fiscal da banca, empresarios e toda esa chusma que dirixe as nosas vidas. 5.- Ligar salarios á produtividade: aviso a navegantes, esta é a moda do momento en canto convenio se está a negociar. Agora resulta que o prezo da nosa forza produtiva xa non ten unha contabilidade fixa, depende de factores marcianos, e as nosas nóminas van ser tan variábeis como os mercados. Comezaron quedando coa plusvalía e agora van secuestrar o resto. 6.- Máis cargo á Seguridade Social nas baixas ao tempo que eles propoñen pagar cinco puntos menos. Logo diran que é deficitaria e hai que privatizala. Esto é como pagarlle os vicios a un amigo e cando xa te quedas sen cartos quítanche o piso e danllo a el. 7.- Evitar a intervención administrativa e a xudicialización dos conflitos laborais: neste punto estamos de acordo se o que propoñen é que as cousas se resolvan con acción sindical contundente, pero o noso temor é que son eles os que pretenden converterse en xuices. 8.- Flexibilidade interna: esto sempre significa o mesmo, as regras poñennas eles. 9.- Redución do gasto público: é dicir, eliminar os gastos en sanidade e educación para poder subvencionar aos empresarios. En definitiva, o menú está servido, de nós depende botarllo nos fouciños.