Non hai moito que fixemos unha gran folga xeral, o feito de non continuar polo camiño emprendido o 29 de setembro axita as expectativas empresariais que, ao ver como os sindicatos maioritarios a nivel estado esconden a cabeza, queren cada vez máis, a costa de quitárnolo todo a traballadores e traballadoras.
A situación da clase obreira empeora dia a dia, o INE acaba de sacar outra estatística onde reflicte que o 19,1% da poboación galega atopábase por debaixo do nivel da pobreza ao rematar 2009 (por certo, o dobre do sinalado pola estatística do IGE), debido a que a situación económica empeora esta porcentaxe seguro que se incrementou no que vai de ano. Tócanos mover ficha, se non paralizamos as ansias depredadoras do capital acabaremos sen dereito ningún. Non se pode ir a negociar con criterios coma este, a resposta ten que ser igual de contundente que coa reforma laboral pero antes de sentarse na mesa, que vexa, a patronal, ao que se enfronta. Non podemos seguir soportando esta situación, si non actuamos corremos o risco de que os traballadores/as encallen nunha situación de desesperanza que os leve ao pasotismo absoluto. O feito de non ver unha dirección sindical que manexe con criterio combativo esta situación levará sen dúbida a actitudes de desánimo que despois será dificilísimo recuperar. Ao mesmo tempo fortalece a desconfianza nas organizacións sindicais xa instalada en moitos traballadores/as. Os sindicatos “mobilizadores” saímos fortalecidos da folga xeral, non nos podemos instalar no conformismo temos que dar a cara. Insistimos no papel que os sindicatos de ámbito nacional temos que xogar en situacións coma esta. Instamos, unha vez máis (non nos cansaremos de facelo) ao sindicato nacionalista maioritario a que tome a iniciativa e convoque, con carácter de urxencia, a necesaria folga xeral a nivel galego.
- Porque a reforma laboral continúa como estaba o día 28 de setembro.
- Porque se aproxima, se non o evitamos, o pensionazo.
- Porque se non actuamos introducirán na negociación sobre convenios colectivos o que lles faltaba na reforma laboral.
- Polo que queda aínda por vir (máis reforma, copago sanitario…).
É imprescindible outra folga xeral!!!