A Casa Obreira acolle as xornadas “Liberdade de expresión e igualdade. Unha CRTVG ao servizo do pobo” o 2 de xullo

341

A Casa Obreira –espazo de encontro, formación e debate- acollerá na súa nave do barrio compostelán de Sar unha xornada na que voces relevantes do ámbito profesional, sindical e social galego someterán a crítica o estado da liberdade de expresión e os discursos públicos da CRTVG, nun dos momentos nos que o uso espúreo dos medios públicos de comunicación está a fomentar un debate intenso sobre o control político da información e o seu uso a fins alleos ao propio dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e de calidade.

Participarán xornalistas e colectivos como Xornalistas Galegas, Colexio de Xornalistas, Defende A Galega, Consejo de Informativos de CRTVE e Esculca, así como representantes parlamentarias da Comisión de Control da CRTVG.

A xornada dividirase en catro mesas que falarán sobre a garantía da liberdade de expresión, medios públicos feministas, control da manipulación informativa e fiscalización sindical e social dos medios públicos. Coordenadas por xornalistas do país, nelas participarán representantes de diversos medios de comunicación e organismos e colectivos relacionados co sector e cos dereitos e liberdades (Xornalistas Galegas, Colexio de Xornalistas, Defende A Galega, Consejo de Informativos de CRTVE e Esculca), así como representantes parlamentarias da Comisión de Control da CRTVG.

O encontro pretende facer un diagnóstico profundo do que está a acontecer nos medios públicos de comunicación de todas as galegas e buscar posibles solucións para garantir que cumpran coa misión de servizo público sen interferencias políticas nin prácticas de manipulación e represión.

A xornada desenvolverase o sábado, 2 de xullo, de 9 a 14 h e está aberta ao público.