Vigo, 28 de abril.– A CUT realizou hoxe unha concentración ás portas de Stellantis Vigo, coincidindo co Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, para denunciar a precariedade preventiva, a ocultación do dano laboral e o impacto directo sobre a saúde e o dereito a unha xubilación digna.
Baixo o lema “Stellantis: A cara oculta da Lúa”, o sindicato puxo o foco na diferenza entre a imaxe que proxecta a empresa e a realidade que se vive nas liñas de produción.
Dano físico, desgaste mental e organización do traballo.
Denunciamos que o modelo produtivo baséase en traballos repetitivos, monótonos e con elevada carga física, realizados de maneira continuada e, en moitos casos, durante 6 días de cada 7, tanto en quendas de día como de noite.
Esta organización implica:
- Aumento das xornadas e redución do descanso
- Movementos repetitivos continuados durante anos
- Acumulación de lesións musculo-esqueléticas
- Aparición de problemas de saúde mental como estrés, ansiedade e esgotamento.
Entendemos que esta realidade non está sendo recoñecida como enfermidade profesional, en contra do establecido na normativa de prevención (Lei 31/1995), o que impide a adopción de medidas correctoras.
Ocultar o dano non o elimina, só o despraza; impide a prevención, traslada custos ao sistema público e deixa ás persoas traballadoras sen protección.
Coeficientes reductores; Dereitos bloqueados pola ocultación.
Na CUT introducimos un elemento clave de carácter legal: o infra-recoñecemento das enfermidades profesionais, está a impedir o acceso aos coeficientes redutores da idade de xubilación para actividades penosas, perigosas ou insalubres.
Este mecanismo require acreditar unha realidade de desgaste, que está sendo artificialmente ocultada nas estatísticas oficiais, deixando ao sector da automoción fóra dun dereito que lle correspondería.

Estamos ante un fraude estrutural: traballos que rompen os corpos non se recoñecen como tales, e iso bloquea o acceso a unha xubilación anticipada xusta.
Un sistema de xubilación inalcanzable para a maioría.
Conforme á lexislación vixente:
- Para xubilarse aos 65 anos é necesario acreditar arredor de 38 anos e medio cotizados
- Para xubilarse aos 67 anos, requírense polo menos 35 anos de cotización efectiva
Porén, esta realidade legal non é alcanzable para unha gran parte do persoal, especialmente debido á precariedade contractual e a saúde.
Contratos a tempo parcial; Unha penalización estrutural.
O sindicato denuncia que dende comezos dos anos 2000 a maioría dos contratos celebrados na actual Stellantis Vigo son a tempo parcial, o que tivo consecuencias directas sobre as cotizacións:
- Durante anos, o traballo a tempo parcial non computaba como día completo cotizado, senón que se aplicaban coeficientes de parcialidade.
- Isto provocou que moitas persoas non acumulasen os anos necesarios, a pesar de levar décadas traballando.
Aínda que reformas posteriores (como o Real Decreto-lei 11/2013 e a evolución normativa consolidada tras a doutrina do Tribunal Constitucional e do Tribunal de Xustiza da UE) melloraron parcialmente o cómputo —tendendo ao principio de “día de alta, día cotizado”—, estas modificacións non tiveron efectos retroactivos plenos, deixando fóra a toda unha xeración de traballadores e traballadoras.
Como consecuencia:
- Moitas persoas non alcanzan nin os requisitos para xubilarse aos 65 nin aos 67 anos
- Sofren penalizacións adicionais se se ven obrigadas a abandonar antes o traballo
- No caso de incapacidade permanente, as bases reguladoras tamén se ven prexudicadas.
A realidade é, saír antes e saír máis pobres. Os EREs recorrentes como consecuencia dun modelo insostible.
Denunciamos que esta combinación de factores xera unha realidade contundente:
- O persoal de produción non pode fisicamente aguantar ata a idade de xubilación
- Vese obrigado a saír mediante EREs ou incapacidades
- Faino asumindo fortes perdas económicas nas súas pensións
Isto significa que as persoas traballadoras sofren unha dobre penalización: primeiro, pola deterioración da súa saúde; e despois, pola redución dos seus dereitos económicos futuros.
A empresa sabe que este modelo produtivo é incompatible cunha vida laboral completa. Por iso os EREs convértense nun mecanismo estrutural de saída para un persoal que non pode continuar.












