No día de hoxe asistimos a unha nova representación teatral arredor da problemática da precariedade nas administración públicas. O RDL pactado polo PSOE con CCOO, UGT e CSIF ás costas das afectadas e de cara a seguir sostendo o sistema de explotación-beneficio no emprego público e que permita continuar a política de privatizacións e precarizacion laboral presente, contaba tamén co previsible apoio do seu socio de goberno de En Común-Podemos e foi validado grazas ao xiro sorpresa de ERC. As tres organizacións políticas pactaron a pasada noite, nunha negociación exprés, introducir as seguintes novidades para sacar adiante o Real Decreto:
- Aplicación do artigo 61.6 de acceso por concurso de méritos para aquelas empregadas no seu posto durante un mínimo de 10 anos e sen convocatorias previas ou futuras xa aprobadas de acceso ao mesmo.
- Abrir a posibilidade de facer probas non eliminatorias nas administracións autonómicas e locais.
Sobre a división na loita das precarias na administración
Limitar de maneira arbitraria o acceso por concurso de méritos a aquelas traballadoras con 10 anos de prestación de servizos ten como único obxectivo establecer unha división no seo do persoal precario en mobilización, crebando a unidade de clase contra o abuso das administracións e perpetuando a precariedade dos sectores esquecidos por esta norma.
Nun momento de clara unidade do sindicalismo alternativo do Estado para defender unha saída xusta e xeralizada ao cancro da precariedade laboral cómpre a intelixencia e solidariedade de todas. Chamamos a non caer na satisfacción de quen “resolve o seu” e dar un paso decidido demostrando que a demanda histórica contra o abuso non vai ser obxecto de ningún mercadeo. Con decisión e unidade é posíbel reverter esta contraofensiva que procura perpetuar a existencia de empregadas públicas dóciles e sen dereitos.
Sobre a invasión de competencias
A CUT defende un marco negociador en materia de emprego público propio, de carácter nacional. Desta maneira esiximos que se deixe de secuestrar a capacidade negociadora galega en Sanidade e Educación e insistimos na necesidade de camiñar cara un modelo galego de relacións laborais tamén no ámbito do emprego público.
Que defendemos
A CUT defende que o drama da precariedade nas Administracións só terá solución posíbel pondo en marcha un mecanismo extraordinario e negociado para a consolidación do emprego do persoal temporal en fraude, independentemente da antigüidade dos vínculos. Non serven dobres axendas. A resolución ao conflito ou se dá en bloque ou simplemente estaremos ante unha perpetuación do conflito e da posta en risco dos nosos servizos públicos.
Agradecemos aos Grupos Parlamentarios que están a pactar co sindicalismo alternativo a súa posición contraria ao Icetazo, polo traballo en común, que seguirá avanzando estes días para evitar que o autodenominado “goberno máis progresista da historia” consiga cronificar con esta medida o sacrificio da dignidade e os dereitos das traballadoras do público.
Ademais, tal e como defendemos na ILP que se tramita ante o Parlamento Galego, é urxente o establecemento de medidas de auténtica responsabilidade penal e administrativa dos xestores que se aproveitan desta precarización do emprego, co establecemento dun réxime que lles impida reproducir esta desfeita.
Insistimos ademais nunha liña de traballo de clase e combativa, que evite que o fascismo e a ultradereita, en cuxo ADN está a liquidación do público e dos dereitos da clase traballadora, tiren rédito con discursos oportunistas, logo de seren corresponsábeis do chiringuitismo, a precariedade laboral e a xestión dos recursos públicos como unha corte privada.
Defender a calidade no emprego é defender os servizos públicos. Esta contraofensiva ímola frear.