8M: Voz, Loita e Clase. Carta a Begoña Caamaño

164

Querida Begoña:

Escribímosche por primeira vez desde un tempo que tamén foi e segue a ser o teu. Neste 2026 xa non nos din que o feminismo non é necesario pero si que seica xa se conseguiu a igualdade, que esaxeramos, que somos radicais e ata que mentimos. Mudou o discurso pero non a resistencia.

Seguimos cobrando menos e asumindo máis coidados, con precariedade laboral. Seguen todas as violencias contra todas e contra as nosas fillas. Reinvéntanse e multiplícanse: violencia nas rúas, casas, traballos, nas pantallas e tamén violencias machistas institucionais por parte das administracións. A tecnoloxía abre novos espazos de comunicación pero tamén novos xeitos de agresión e control.

Cando falamos das loitas das mulleres galegas seguimos a falar das loitas das que ti xa falabas:  violencia machista, teitos de cristal, precariedade, invisibilización, sobrecarga mental e de coidados e que cuestionen a nosa autoridade e opinión.

Non sabemos se as cartas atravesan o azul que ti lle agasallaches a Circe, pero nos gustaría pensar que si. Xa non hai case relacións epistolares pero soñamos cunha fenda entre mundos que nos conecte ás mulleres de agora coas de antes e coas de despois.

“Ti aprendéchesnos que os mitos poden reescribirse. Que Penélope non era só espera, só muller fiel, prudente e paciente. Que Circe non era só unha meiga feiticeira amante de Ulises.”

Ti aprendéchesnos que os mitos poden reescribirse. Que Penélope non era só espera, só muller fiel, prudente e paciente. Que Circe non era só unha meiga feiticeira amante de Ulises. Que as mulleres non somos apéndice do relato que escriben outros. Que temos voz propia, que seguimos loitando desde un feminismo de clase. Que seguimos escribindo, agatuñando muros dende cada parcela.

Gustaríache unha das noticias deste febreiro, unha pequena grande vitoria da nosa terra mancada que se nega a máis espolio, que segue loitando para que non nos sigan pisando. Querían plantar unha pasteira no medio da provincia de Lugo e así, entroutras cousas, matar o río Ulla. Logo de dous anos co puño en alto, parece que gañamos, polo menos polo de agora… Seguro que nos oíches berrar. Saímos ás rúas, denunciamos os abusos, defendémonos con unllas e dentes. Sabemos que ti tamén estabas con nós.

E saberás que este ano a Real Academia dedícache o Día das Letras Galegas. A túa pegada segue moi presente. A túa loita deu froitos.

Ti falaches cando o feminismo non era etiqueta amable. Cando dicirse feminista era asumir un custo. Cando nos medios as voces das mulleres tiñan que xustificarse dúas veces. E así seguimos, cuns medios públicos galegos ameazados e presos.

Descoñecemos se sabes que existe #DefendeAGalega, unha plataforma de traballadoras que cada ‘venres negro’, denuncian -publicando fotos súas, de negro, nas redes sociais-: manipulación informativa, redución de produción propia, privatización, desleixo, descrédito das profesionais, falta de respecto pola nosa lingua e cultura e a desafección de boa parte do pobo galego coa CRTVG -agora CSAG-. Nin o nome respectaron… Begoña, tristemente, de servizo público queda ben pouco. Pero seguimos, aínda que a loita sexa desigual.

Cremos que, dalgún xeito, ti segues aquí. Estás coas xornalistas rebeldes, coas traballadoras que esixen condicións dignas e constrúen cada día no seu posto de traballo. Estás nas mulleres que saen á rúa, nas que sinalan as inxustizas, nas que non calan aínda que isto teña custos -emocionais sempre, e profesionais e persoais case que sempre tamén-. Ti estás en e con todas as mulleres que loitan.

“Algo si que cambiou: xa non estamos soas. Somos máis. Estamos máis organizadas. Temos memoria e máis mulleres referentes -coma ti-“.

Pero algo si que cambiou: xa non estamos soas. Somos máis. Estamos máis organizadas. Temos memoria e máis mulleres referentes -coma ti-. Aprendemos xuntas que a palabra é unha ferramenta política. Que escribir e falar tamén son loitar. Que nomear as cousas é o primeiro paso para mudalas.

Ti rompiches o silencio. Nós queremos rachar a precariedade. Ti cuestionaches o relato patriarcal nos libros e nos micrófonos. Nós queremos cuestionar as estruturas que nos manteñen en desigualdade. Ti abríchesnos portas. Nós queremos derrubar as paredes que aínda quedan neste sistema capitalista e patriarcal que nos fire, vitimiza e revitimiza.

Non queremos ser heroínas solitarias. Queremos ser rede. Unha rede forte como a que tecen a man as redeiras. Unha rede que pode converterse en madeixa de la de ovella compacta para así poder calcetar con moitas agullas entrelazadas, cantas máis mellor.

Ti falaches de sororidade antes de que esta palabra se puxese de moda mentres trataban de burlarse do seu significado, como se a unión das mulleres feministas fose unha loita de bruxas ou, o que é peor, de tolas. Se Penélope deixou de agardar e decidiu que ela tamén podía soñar e navegar e Circe deixou de ser e estar illada, é porque alguén ousou contar a historia doutro xeito. Deches voz ás silenciadas de tantas historias e de séculos de Historia.

Estamos dobremente agradecidas pola túa literatura feminista, por mitos tan grandes coma a mortal Penélope, a divinal Circe ou a lendaria Morgana no teu premiado ‘Morgana en Esmelle’,  por rebentar todo o relato canónico Homérico e Artúrico, dándolle a voz a elas. Admiramos con paixón a túa escrita e manexo exquisito do vocabulario na nosa lingua galega. Que a nosa fala estaba en perigo xa o sabías. Pero empeorou a cousa desde que non estás. Os datos sobre o uso do galego entre a mocidade agora son para chorar.

“Escribímosche para dicirche que a túa loita non quedou paralizada no tempo. Que o feminismo galego segue vivo, crítico, disposto a incomodar. Que non aceptamos retrocesos. Que non imos volver atrás.”

Escribímosche para dicirche que a túa loita non quedou paralizada no tempo. Que o feminismo galego segue vivo, crítico, disposto a incomodar. Que non aceptamos retrocesos. Que non imos volver atrás.

E se algunha vez dubidamos, e temos medo, lembramos o azul. Ese azul que é conciencia, pracer e amar en liberdade. Quixemos contigo, compañeira Begoña, recuperar a carta como espazo de resistencia, de complicidade e de pensamento.

Seguimos aquí con rabia, con alegría, con memoria. Seguimos con voz, loita e clase.

Secretaría Feminista da CUT