8M: sindicalismo feminista

531

Este 8M a CUT voltamos ás rúas e aos centros de traballo dando un xiro á nosa estratexia de loita. Nestes últimos 4 anos consecutivos convocando folga puxemos o foco sobre o papel das mulleres no ámbito laboral e fixemos ver que o noso traballo é parte esencial do sistema produtivo e reprodutivo do capital. Porén, ás veces é preciso facer balance e reconsiderar as decisións tomadas, e iso é o que estamos a facer ao non convocar folga neste 2022.

Este ano, coma os anteriores, sobran motivos. A aprobación dunha reforma laboral insuficiente e supeditada aos intereses económicos da Unión Europea deixou clara a subordinación dos partidos do Goberno e do sindicalismo maioritario á patronal. Incumpridas as promesas de derrogación, e co fume do diálogo e o consenso social, mantéñense os elementos máis regresivos das reformas anteriores. Os mesmos poderes fácticos tras a reforma laboral son os que conseguiron, pouco a pouco, deturpar e apropiarse nun día como o 8M da nosa folga feminista. A folga é a ferramenta máis importante para a clase obreira e non imos poñela ao servizo do capital; non imos permitir que o feminismo se limite a unha data na que vestirse de violeta: non coa nosa colaboración, non no noso nome.

Este 8M seguimos coas mesmas gañas de derrubar este sistema que converte a vida das persoas traballadoras en mercadoría. Nós sabemos que valemos máis que a nosa produtividade, por iso seguiremos nos nosos centros de traballo e na rúa loitando por mellorar as vidas de todas nós: das mulleres cis e trans, das identidades que se saen da ‘norma’, das migrantes, das presas, das tolas, das diversas, das traballadoras sexuais, das traballadoras do fogar, das coidadoras… A vida das nosas compañeiras de clase obrigadas a estar ás marxes deste sistema.

Sabemos e vivimos, tamén como sindicalistas, o machismo nos nosos corpos. Cantas mulleres faltan no sindicalismo! Mulleres que se senten nas mesas do comités, mulleres visíbeis non só neste día, mulleres que se sindiquen nos seus centros de traballo: limpadoras fartas de cobrar menos que o compañeiro que conduce un maquineto; traballadoras do sector das conservas, que vén de asinar un preacordo de convenio que esquece a fenda salarial; camareiras ás que se lles esixe sorrir e empregar a súa imaxe como reclamo; traballadoras sexuais fartas de non recibir desemprego ou baixas, estigmatizadas e mesmo excluídas por outas mulleres; identidades transxénero ou non binarias para as que buscar emprego se converte nunha tortura; traballadoras do fogar que son escravas sen dereitos, condenadas tantas veces a vidas sen papeis e sen que as escoitemos, perdendo saúde en postos de traballo que non ofrecen garantías de futuro; as presas que tamén traballan e non poden sindicarse, as persoas con diversidade e a trampa da inclusión laboral cobrando menos salario por igual traballo, as mulleres que coidan sen remuneración ante un goberno que nunca defende as nosas vidas e outorga uns permisos de coidados irrisorios que obriga ás nais a reincorporarse ao traballo con crianzas de apenas 4 meses… O sindicalismo ten que ser feminista, e para iso necesitamos abrirnos paso sen pedir permiso ao patriarcado que levamos interiorizado como persoas e entidades. Quérennos caladas, submisas, illadas… mais nós, coma obreiras organizadas, sabemos que na unión e na conciencia de clase nace a nosa forza para vencer o patriarcado e o capital. Estamos convencidas de que a loita fará que nos liberemos das nosas cadeas de explotación.

Sabémonos impulsadas polo motor da historia das miles de mulleres e corpos diversos que levan centos de anos loitando pola conquista do pan e dunhas condicións de vida e traballo dignas, poñendo sempre a vida no centro. A forza do noso motor vén das mulleres da comarca de Ferrolterra que hai pouco máis de cen anos, un 9 de marzo, comezaron a Revolta das Pedradas paralizando a comarca após a suba de prezos de produtos de pirmeira necesidade. Elas —obreiras, campesiñas, coidadoras— organizáronse, cortaron estradas e vías de tren, crearon comités e enfrontáronse ás balas do inimigo, o que conlevou varias mortes, todas baixo a consigna de “temos fame”. Das mulleres bravas das Encrobas cos seus paraugas loitando contra o expolio da nosa terra no 1977, delas aprendimos a defender a terra e poñer o corpo baixo o lema “a terra é nosa”. Das bravas mulleres da conserva da Illa de Arousa, conseguindo a independencia da Illa; das máis de 4000 cigarreiras da Coruña en folga no ano 1857 que tiraron a maquinaria polas fiestras.

Da súa loita bebemos hoxe e por iso este ano seguiremos a combater a perda de poder adquisitivo e de dereitos laborais á que nos vemos sometidas: queremos vivendas dignas para a clase traballadora, queremos quentar os nosos fogares sen renuncias, queremos unha terra libre de expolios, queremos poder decidir sobre os nosos corpos en todos os ámbitos das nosas vidas. Queremos tamén que se regularice ás persoas migrantes, que se recoñezan os dereitos laborais das traballadoras do fogar, das traballadoras sexuais e que mude o sistema que nos condena á miseria.

E como non, queremos que cese a violencia laboral, institucional, xudicial, médica e de calquera índole contra todas nós, contra a metade da humanidade e a que a sostén co traballo non retributivo as nosas vidas.

Por todo isto seguiremos a combater un sistema que está en contra de nós. E neste combate contra o capital precisámonos todas: traballadoras asalariadas e non asalariadas, desempregadas, estudantes… Desde a CUT seguiremos loitando, en alianza cos espazos combativos e de clase, por un sistema que nos permita soster a vida de todas e cada unha de nós e derrubar o patriarcado que nos somete no noso camiñar.