8M-FOLGA FEMINISTA: “Desenvolvemos asma e alerxias polos produtos de limpeza que usamos”

393

ENTREVISTAS 8M-FOLGA FEMINISTA

A privatización do servizo de limpeza no Hospital Clínico de Santiago ten innumerables consecuencias. As traballadoras ven ameazados os seus dereitos laborais e a posibilidade de ofrecer un servizo de calidade. Co cambio de subcontrata, de Clece a Grupo Norte, as compañeiras comezaron a mobilizarse chegando ás catro concentracións nos últimos meses. Outra consecuencia é a precarización do seu traballo, altamente feminizado. A maioría sofren enfermidades laborais desenvolvidas ao longo dos anos, como a asma ou a dermatite, polo que chaman a todas as compañeiras a secundar a folga convocada para este 8 de marzo. “Para que se valore dunha vez o noso traballo”, apuntan María José Rodríguez e Carmen Liñares, dúas das delegadas da CUT neste centro.

Como está afectando a nova adxudicación do contrato do voso servizo ao Grupo Norte?

María José Rodríguez: En decembro de 17 o Grupo Norte faise coa subcontrata do servizo de limpeza do Hospital Clínico de Santiago. Tan pronto entrou, comezaron os problemas. Comezaron a entregar documentos que non foron supervisados polo comité de empresa para que asinasen as traballadoras. Resulta que, ademais, eses documentos facían referencia ao convenio de edificios e locais cando nós temos un convenio propio. Obviamente, o convenio ao que apelaba a empresa recollía unhas condicións laborais moi inferiores ás que temos acadadas. Por se non fose suficiente, a nova empresa adxudicataria tamén se nega a subrogar a unha traballadora que, nestes momentos, está fóra.

Carmen Liñares: O Grupo Norte tamén se nega en rotundo a aceptar a bolsa de traballo, onde se recolle ás traballadoras e traballadores que teñen vínculo coa empresa, un símil a unha lista de contratación. Para rexeitarnos isto, a empresa alega que Clece, a compañía saínte, asinou a creación desta bolsa de traballo dous días antes de marchar.

María José: No comité de empresa mantivemos unha reunión coa xerencia do centro que se comprometeu a falar coa empresa e volver contactar con nós.

A última mobilización que realizastes dende o comité denunciando esta situación foi ante a Xunta. Que perseguiades con esa protesta?

María José: Ademais de ensinar as nosas forzas, entregamos un escrito á Presidencia da Xunta e á Consellería de Sanidade denunciando todos estes incumprimentos que está realizando o Grupo Norte. Aínda non obtivemos resposta.

Que relación garda a vulneración continua dos dereitos laborais das traballadoras coa privatización dos servizos a través de subcontratas?

María José: Moita. Non se está contratando o persoal suficiente polo que, ademais, a carga de traballo para as que estamos é moito maior. Por non falar da corrupción que adoita atoparse nestes procesos adxudicatarios.

Carmen: Tampouco cumpren cos pregos de contratación, á vista está.

María José: Se fose público, non teríamos que estar pelexando tanto pola bolsa de traballo porque xa existen as listas de contratación. Dende a CUT procuramos falar coas traballadoras e traballadores para que vexamos a situación na que estamos e se aposte polo rescate da subcontrata.

O da limpeza é un traballo precarizado. Considerades que se debe á súa feminización?

Carmen: O 90 por cento de quen traballamos na limpeza no CHUS somos mulleres. Se ben houbo un tempo no que os homes non traballaban en planta e existía esa división, agora non. Nestes momentos, consideramos que si realizamos os mesmos traballos polo mesmo salario.

E en canto ás enfermedades laborais, moitas non recoñecidas?

Carmen: Traballamos con produtos moi fortes que a longo prazo nos afectan a todas, desde problemas respiratorios a dermatolóxicos. Ao levar moito tempo, afecta e desenvolvemos alerxias ou asma por estes produtos. Tamén está o síndrome do túnel carpiano. Temos moitas compañeiras que se tiveron que operar. Ten en conta todos os pesos que collemos, o sistema do cubo para escorrer a fregona, o propio peso das mopas ou fregona. A min dórmenseme as mans e os brazos moitas veces. E sabes? Vas deixándoo, deixándo… e, claro, ao longo prazo todo o que isto significa para a nosa saúde.

Este 8 de marzo está convocada unha folga de mulleres. Como resumiríades vós os motivos?

Ambas: Queremos facernos ver. Este debe ser un comezo para que se valore dunha vez por todas o noso traballo. O 8 de marzo é o Día da Muller Traballadora e debe constar que non somos obxecto ningún, que non poden abusar de nós, que xa abonda. Queremos facerlle ver á sociedade o que pasa se por un día as mulleres desaparecemos. Que sucede?