8M: A esta folga chegamos camiñando!

713

A esta folga chegamos camiñando!

Este 8 de marzo estamos decididas a ser as irmás ás que non hai lume que as queime nin patrón que as domine. O movemento feminista internacional deu un golpe na mesa cunha convocatoria de folga de 24 horas no Día da Muller Traballadora e nós, como obreiras de traballos asalariados e/ou sen remunerar, feministas e sindicalistas, non podiamos deixalo pasar inadvertido.

Ante nós, un debate político que nos resulta inédito e, como todo o que ocorre por primeira vez, xera medos e ilusións. Coa vontade de revolucionalo todo e encontrarnos coas nosas compañeiras, asistimos ás reunións nacionais e locais para traballar pola folga feminista.

O desexo do movemento feminista galego de realizar unha folga de 24 horas trasladouse aos sindicatos que comezamos a debater internamente. Mentres nestas reunións nacionais e locais os diversos colectivos feministas se xuntaban para chegar a acordos comúns sobre os actos do 8 de marzo, as secretarías de mulleres dos sindicatos debatiamos sobre o formato da convocatoria da folga no eido laboral sen chegar a sentarnos xuntas. Comezando por ese exercicio autocrítico, e sabendo que queda moito patriarcado que desincrustar de nós e das nosas organizacións, comezamos a sentir o abafo de quen se decata do doado que resulta errar cando se explora un camiño.

 Os principais medos eran o de tomar unha decisión sobre a folga dende o privilexio das que poden investir o seu tempo en xuntanzas, e o de non respectar os tempos das nosas compañeiras do sindicato

O desexo do movemento feminista estaba claro, pero as incertezas negábanse a abandonarnos. Os principais medos eran o de tomar unha decisión sobre a folga dende o privilexio das que poden investir o seu tempo en xuntanzas, e o de non respectar os tempos das nosas compañeiras do sindicato. Unha pequena pausa interna serviunos para convocar un encontro da Secretaría das Mulleres á que acudiron delegadas e afiliadas de diferentes sectores dos traballos (re)produtivos, sendo maioritarios os da limpeza e da hostalería.

Todas as asistentes decidiron loitar polas que non podían asistir e, con esa enerxía, e practicamente por unanimidade, a aposta colectiva foi a da folga. Chegamos a este paro de 24 horas do 8 de marzo con procesos abertos, debates sobre a mesa e ganas de seguir abrindo camiño grazas ao impulso dado polo movemento feminista. A importancia que para nós ten construír desde a honestidade e o desde o comunitario marca a necesidade de compartir colectivamente este proceso que estamos a vivir. Somos conscientes de que para realizar un sindicalismo feminista cómpre mudar as inercias patriarcais que habitan en nós, unha loita do día a día que queremos compartir coas nosas compañeiras.

A CUT POLA FOLGA DO 8 DE MARZO

As mulleres reunidas na Secretaría das Mulleres da CUT, tras este proceso de debate interno, apostamos por unha folga feminista de 24 horas en catro ámbitos centrais das nosas vidas: os coidados, o consumo, o laboral e o estudantil. Estamos decididas a collernos da man co movemento feminista do que nos consideramos parte co compromiso do traballo en horizontal, con respecto, ilusión, sororidade e unha aposta feminista e anticapitalista polo ben común.

Os motivos para sumarnos á folga son tantos que desbordan calquera convocatoria e chaman a unha revolución feminista. Imos á folga para que o labor dos coidados dispoña de remuneración digna, valorización social e corresponsabilidade comunitaria. Paramos para expoñer e deter aos nosos abusadores e loitar contra a inseguridade económica que absorbe as nosas vidas. Reivindicamos o dereito ao (auto)coidado, á liberdade sexual, a salarios dignos e a sindicarnos para facer fronte colectivamente aos abusos da patronal. Facemos folga contra a violencia policial, os controis fronteirizos, o encarceramento masivo, a privatización e a denigración dos servizos públicos; en suma contra a violencia estrutural e institucional. Pola abolición do réxime de internas das traballadoras do fogar e contra o patriarcado e capitalismo, que promoven as desigualdades, o racismo e a misoxinia. Paramos polas asasinadas e violadas e contra o odio cara as disidencias sexuais e identitarias. Estamos aquí dando un paso adiante para acabar coa cultura da violación e o silencio cómplice, para reivindicar a soberanía sobre os nosos corpos, o noso pobo e a defensa da nosa terra. Paramos por unha educación pública, de calidade, gratuíta, laica, feminista e das obreiras que nos permita medrar como persoas con ansias de coñecemento e non de competitividade.

Imos á folga para amosarlle ao mundo o que ocorre cando paramos no mundo laboral, estudantil, dos coidados e no consumo. Imaxina os supermercados sen caixeiras nin consumidoras, os bares sen clientas nin camareiras, sen mestras nin alumnas nas aulas. Imaxina hospitais sen recepcionistas, médicas, limpadoras ou enfermeiras. Cociñas sen mulleres, televisións sen presentadoras, xulgados sen avogadas, fiscais nin xuízas. Imaxina, compañeira, o que lle pasaría ao mundo se paramos todas durante 24 horas e nos xuntamos nas prazas.

Imaxina os supermercados sen caixeiras nin consumidoras, os bares sen clientas nin camareiras, sen mestras nin alumnas nas aulas. Imaxina hospitais sen recepcionistas, médicas, limpadoras ou enfermeiras. Cociñas sen mulleres, televisións sen presentadoras, xulgados sen avogadas, fiscais nin xuízas. Imaxina, compañeira, o que lle pasaría ao mundo se paramos todas durante 24 horas e nos xuntamos nas prazas

Para afrontar con éxito este paro de 24 horas precisamos tamén dos nosos compañeiros aos que convocamos nun papel de alianza. As mulleres pedímoslle aos homes que faciliten e apoien a nosa folga como forma de expresar o seu apoio á nosa loita. Resulta imprescindible que este 8 de marzo os homes produzan e coiden sen nós para que brille o valor das nosas vidas.

Aos homes pedímoslles que asuman o papel dos coidados para garantir que todas as compañeiras poidan acudir ás convocatorias desta xornada. Aos compañeiros que nos apoien prestándose voluntarios para asumir os servizos mínimos no laboral, compañeiros que fagan a comida e coiden das crianzas, compañeiros que desenvolvan todo o posible para que as mulleres poidamos levar a cabo a nosa folga. Este paro de 24 horas, o primeiro de moitos, non persegue altas estatísticas de seguimento senón a unión das mulleres que camiñamos xuntas, ser un golpe na mesa, converterse nese berro que rompe o silencio e o estremece todo.

Facemos folga porque queremos, sabemos e podemos! Agradecidas a este movemento feminista do que nos sentimos parte e por esta aposta por nós mesmas, compañeiras diversas, libres e unidas.

Avanzamos xa sen medo e co obxectivo de construírmos todas xuntas porque levamos a vitoria dentro do corazón, e os nosos pés camiñan cara este 8 de marzo no que brillará a folga feminista! #NósParamos porque rendérmonos non é unha opción. Para todas, todo!