8M: Dereitos nos coidados

254

Ben é sabido que os coidados son un eixo fundamental na vida das persoas. Un dos principios da subsistencia económica do capitalismo está baseada na non monetarización da reprodución e dos coidados aproveitándose da forza de traballo das mulleres de forma gratuita, namentres que se centra todo o valor social e económico no traballo produtivo.

Coa obriga de producir que nos impón o actual sistema resulta case imposíbel coidar dende a comunidade, obrigando á externalización dos coidados e, por tanto, á necesidade de profesionalizalos, aproveitando á vez un caladoiro de mercado non explotado até o de agora, reservándose case en exclusiva ás mulleres seguindo a lóxica patriarcal da división do traballo para seguir sometendo, empobrecendo e marxinando ás que levan a cabo estes traballos.

” As persoas que traballan nos coidados fano de formas diversas, sen remuneración ou mal remuneradas, con relación laboral, sen ela, asumindo máis funcións das acordadas, en situación irregular… pero todas elas precisan dignificación, protección e visibilidade.”

 

A externalización dos coidados móvese entre o formal e o informal, feito que perpetúa a precariedade do sector. En moitas ocasións a atención ás persoas maiores, dependentes e crianzas recae sobre as propias traballadoras do fogar. Tarefas que con frecuencia van máis aló das súas atribucións, sen medios técnicos para a correcta manipulación de persoas dependentes e, por suposto, sen unha remuneración e recoñecemento acorde a estes traballos. Esta situación empeora cando a relación laboral acontece no plano informal, sen contrato e sen unha protección que garanta os dereitos das traballadoras.  As persoas que traballan nos coidados fano de formas diversas, sen remuneración ou mal remuneradas, con relación laboral, sen ela, asumindo máis funcións das acordadas, en situación irregular… pero todas elas precisan dignificación, protección e visibilidade.

Poñendo o foco nas persoas maiores e dependentes, a finais de 2006 aprobouse a Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia (LAPAD). Os cambios sociais e lexislativos permitiron anticipar un proceso de transición cara a un novo enfoque dos servizos sociais e, en concreto, dos servizos dirixidos á atención ás persoas en situación de dependencia. Tal transición semellaba destinada á construción dun sistema público universal baseado na atención profesional. Porén, as referencias da LAPAD á profesionalización eran bastantes vagas e limitáronse a definir os coidados profesionais como aqueles que non prestan familiares da persoa que precisa o servizo.

“Practicamente todas as traballadoras consideran que é un traballo moi duro, que conleva un desgaste físico e psicolóxico e nos mergulla nun nicho de traballo feminizado e precario.”

 

A regulación das condicións laborais da dependencia é de vital importancia para combater un sistema que se esforza cada vez máis por privatizar o servizo. As residencias de maiores, os centros de día, o servizo de atención no fogar (SAF) e a teleasistencia son os catro piares básicos da atención formal a persoas maiores e dependentes. Un traballo de gran valor sen apenas recoñecemento social e sobrevindo así características propias dos coidados. Practicamente todas as traballadoras consideran que é un traballo moi duro, que conleva un desgaste físico e psicolóxico e nos mergulla nun nicho de traballo feminizado e precario.

Esta consideración dase especialmente entre as que dedican moitas horas a esa actividade. Traballadoras de centros de día, residencias e domicilios particulares sofren unha sobrecarga continua de traballo, en moitos casos sen apenas descansos. Con todo, as traballadoras coinciden en que a situación de deterioramento física e mental das dependentes é o que confire máis dureza e capacidade de desgaste ao traballo que realizan. Outro dos consensos que verbalizan aquelas traballadoras que máis horas dedican, con condicións laborais máis precarias e de maior submisión, é a consciencia de que o labor que realizan está infravalorado e ten escaso recoñecemento. Esta invisibilización dificulta excesivamente que sexa recoñecido socialmente como un dereito de cidadanía. Esta ausencia ou baixa valoración do traballo de coidados obedece, en certa medida, a un discurso social que se ampara na percepción sobre o carácter sobrevido e individual deste tipo de coidado.

“A Administración, responsábel da planificación do servizo, desatende as súas obrigas coa cidadanía, permitindo ás empresas contratadas operar con total impunidade e non garantindo un servizo de calidade e universal.”

A Administración, responsábel da planificación do servizo, desatende as súas obrigas coa cidadanía, permitindo ás empresas contratadas operar con total impunidade e non garantindo un servizo de calidade e universal. Estas empresas que presentan ofertas baixas para seren adxudicatarias, atopan unha oportunidade de negocio lucrándose dos coidados a costa do persoal e das persoas usuarias. Todo isto empobrece e privatiza o sector e a desvalorización dos coidados que, a cotío, implica aceptar a informalidade, a precariedade e a non profesionalización.

Os coidados aparecen como un obxectivo en si mesmo, que condiciona a vida das coidadoras, lonxe de pensarse como unha necesidade social que afecta a toda a poboación e, por tanto, que demanda respostas políticas en termos de vontades e recursos. Cunha poboación cada vez máis avellentada, a necesidade de coidados aumentará. O que hai que reconsiderar é que é unha obriga colectiva e, por tanto, a Administración ten que asumila como parte das súas funcións.

Unha boa atención é aquela que permite ofrecer unha atención individualizada a cada persoa usuaria. Este ideal vai ao contraxeito da lóxica da institucionalización, onde a organización do traballo adoita parcelar moito as tarefas das profesionais e limitar os tempos de atención directa. Neste sentido, os traballos que se realizan nos centros de día e residencias están fortemente sometidos a rutinas e obedecen a unha lóxica case industrial, de distribución de tarefas en tempos que dificulta a atención individualizada do coidado e limita a autonomía da traballadora para decidir cuestións importantes sobre o seu propio traballo. Un tempo dispoñible que ademais está relacionado co número de persoas que hai que coidar e coa ratio das profesionais do centro, dous elementos que poden variar segundo o centro de traballo e que teñen unha incidencia importante en canto aos ritmos e cargas de traballo.

A vixilancia e seguemento debe levala a cabo a Xunta, segundo o plan de inspección de servizos sociais, con competencia sobre a autorización e acreditación de centros, servizos e programas; a supervisión e avaliación da calidade na prestación dos mesmos; a potestade inspectora e sancionadora para o cumprimento dos obxectivos de mellora da calidade dos servizos sociais e a garantía dos dereitos das persoas usuarias e a realización de visitas de inspección para a concesión da autorización de inicio de actividades e para autorizar as modificacións substanciais e os ceses de actividades, no seu caso.

“Non podemos permitir que os coidados sigan sen recoñecemento e recaendo no privado ou no informal. Reivindicamos os coidados e esiximos un cambio do sistema político, social e económico.”

Non podemos permitir que os coidados sigan sen recoñecemento e recaendo no privado ou no informal. Reivindicamos os coidados e esiximos un cambio do sistema político, social e económico. A Administración ten a obriga de garantir un bo servizo de atención ás persoas, acabando coas desigualdades xeradas por ingresos, xénero ou territorio. Reivindicar uns coidados públicos, comunitarios, dignos e de calidade é facer revolución!