8-M FOLGA FEMINISTA: “O director da empresa espetoume: ‘eu son o xefe e digo cando se fala’”

600

ENTREVISTAS 8M-FOLGA FEMINISTA

“Existe en nós o medo a sentirnos xulgadas, a equivocarnos, a non estar á altura”

“Para que a empresa comezara a respectarme, tiven que presentar dous escritos e tres denuncias en Inspección”

Ser muller, traballadora, sindicalista e feminista constitúen o desafío e batalla do día a día para boa parte das nosas compañeiras. Convértense en catro loitas que se desenvolven no cotiá, ás veces en forma de batalla e outras, en simple supervivencia. Un dos múltiples exemplos que temos neste sindicato é Xemma Novelle, compañeira de Vigo que traballa en Procsa, empresa de produtos alimenticios precocinados e ultraconxelados.

Xenma Novelle, na foto arriba á esquerda

O traballo en Procsa está feminizado?

Hai máis mulleres que homes, o típico nunha fábrica de conxelados.

Atravesades algún conflito nestes momentos?

Por un lado, no mes de xaneiro incorporeime ao traballo despois dunha baixa. Atopeime con que unha das cintas continúa dando problemas. Estropeouse no verán, cambiárona e agora aínda vai peor. Non absorbe o produto e cae todo ao chan, con todo o que iso supón. Insistín no tema e o director xeral díxome que se viña a traballar ou a facer sindicalismo. Tamén me espetou: ‘eu son o xefe e digo cando se fala’. Díxenlle que se calmara e puxen unha denuncia en Inspección Laboral. Levo xa tres denuncias.

Este maltrato é xeneralizado?

Si. En setembro asinamos un convenio. Preguntei porque non se daba activado e, ante isto, íanse pasando a pelota uns a outros. Despois de falar co director xeral, veu a dona da fábrica que me pedíu comezar as conversas dende cero. Aceptei aínda que lle lembrei que tiñan tres denuncias ante Inspección Laboral. Esta reunión coa dona foi o 16 de xaneiro, o convenio tiña data do día 17. Aínda estaba sen presentar…

A situación mellorou despois disto?

Hai máis respecto. Están nerviosos polas denuncias en Inspección. A empresa pensaba que coa marcha de Ricardo Castro, para asumir a secretaría xeral do sindicato, ía rematar o comité pero erraron. Agora empezar a respetarme despois de ter presentado dous escritos e tres denuncias en Inspección, pero o trato aínda segue a ser diferente.

Cres que isto tería sucedido se foses un home?

Canto menos non tería recibido ese trato. Non desa forma.

Que dificultades atopas como muller e sindicalista?

Sendo mulleres todo nos custa moito máis, é como se leváramos sempre unha mochila pesada nas costas. Tes que esforzarte máis, demostrar máis. Moitas veces iso implica ter que entrar no seu xogo para que te escoiten e respecten. O mundo está deseñado por eles e para eles. O eido sindical é profundamente patriarcal, somos poucas mulleres porque tamén o temos máis difícil. Eles poden dedicarlle máis tempo porque hai mulleres que se encargan do coidado das crianzas e de que todo marche nas súas casas. Non aceptan ou cústalles entender que haxa outra forma de facer as cousas. Apenas cuestionan os seus privilexios como homes.

E despois está esa sensación de que aínda dicindo o mesmo que os teus compañeiros a túa palabra vale menos. Custa alzar a voz cando estás rodeada dunha maioría de homes. Existe en nós o medo a sentirnos xulgadas, a equivocarnos, a non estar á altura do listón que eles mesmos nos poñen. Moitas veces non me sinto en liberdade para ser eu mesma.

De aí a importancia desta folga de 24 horas que desenvolveremos o 8 de marzo. A que motivos apelarías en especial para ir á folga?

Hai milleiros de razóns para ir a esta folga de mulleres de 24 horas, desde a diferenza de salarios á diferenza no trato en todos os ámbitos da nosa vida. Os feminicidios, as violencias que sufridos… O que quero destacar é que estamos ante un feito histórico.