Este 5 de abril estamos todas convocadas a participar nunha xornada de rebeldía poñendo o foco na problemática do acceso a vivenda. Baixo o lema “Acabemos co negocio da Vivenda”.
A falta de parque público de vivendas, os prezos desorbitados, a falta de vivenda para alugueiro de longa duración, a existencia de vivendas baleiras fóra de mercado e de persoas sen fogar, a dificultade do acceso con requisitos absurdos e desproporcionados e a mera existencia de organizacións de extrema dereita como Desokupa, fai a máis que necesaria mobilización do 5 abril.
As reclamacións son claras:
- Baixada e regulación dos prezos de alugueiro
- Contratos e seguridade xurídica para alugueiros de longa duración
- Frear as vivendas de uso turístico
- Aumento do parque público de vivenda
- Fin da compra especulativa
- Ilegalización e desmantelamento de grupos de desocupación
Esta convocatoria descentralizada nace do movemento da vivenda, que convoca en máis de 40 cidades do estado e concretamente en 4 cidades galegas. As galegas estamos chamadas a participar en:
- Vigo dende a Praza de España ás 19:00h
- Ourense diante do Instituto de Vivenda e Solo ás 18:30h
- Compostela na Praza do Toural ás 12:00h
- A Coruña ás na Praza de Ourense ás 12:00
“Precisamos analizar a problemática como o que é, unha fase do capitalismo na cal a acumulación de riquezas en menos mans é maior e o empobrecemento das traballadoras é maior.”
A CUT sempre defendeu o PAN, TRABALLO e TEITO, por iso nos sumamos a esta xornada de mobilización. Pero precisamos analizar a problemática como o que é, unha fase do capitalismo na cal a acumulación de riquezas en menos mans é maior e o empobrecemento das traballadoras é maior. O capital quérenos presas e mudas, e para iso empobrécenos e fainos máis dependentes e vulnerables, coa finalidade de que aceptemos unhas condicións laborais e de vida peores, mentres eles son cada vez máis ricos. Normalizar este feito é a súa vitoria pero contrapoñelo e enfrontarnos a el, a nosa loita.
Como sindicato de clase chamamos a mobilizarnos o 5 de abril baixo o lema “Acabemos co negocio da vivenda” mais tamén contra os abusos do capital e pola emancipación da clase obreira galega.