28X: DIVERSIDADE, ENSINO E FAMILIAS EN TEMPOS CONVULSOS

68

Gustaríanos moito celebrar con Orgullo o día de hoxe, encantaríanos alzar a voz e unirnos á festa da diversidade onde todos, todas e todes temos cabida, é un día para lembrar que aquí estamos as diferentes: as trans, as binarias, as tolas, as discas, as homo e milleiros de cis celebrando a vida en harmonía dos corpos diferentes. 

Porén, o contexto político actual lévanos a unha situación de resistencia cara os avances logrados na integración da diversidade nas nosas aulas. Non é segredo que a ultradereita, dereita e dereita disfrazada de esquerda non fan máis que poñer trabas legais colaborando por medio dos medios de comunicación que controlan a fomentar o discurso de odio, de resalte da diferenza como algo negativo e de transfobia cara o colectivo diverso.

As aulas non deixan de ser a mostra do que ocorre fóra delas e, ao mesmo tempo, un lugar no que crecer e compartir principios igualitarios e favorecedores da solidariedade, fraternidade e apoio mutuo entre persoas diversas. Por iso é importante saber que o sistema educativo e os nosos mestres e mestras teñen unha formación, sensibilidade e non menos importante: apoio de claustros, direccións e inspeccións educativas á hora de tratar este tema nas aulas. 

A legalidade xa a sabemos: está contemplado nos currículos a inclusión dos principios da diversidade, nomeadamente nos de ámbito social, tamén os cursos e plans de igualdade nos centros, etc. Pero que ocorre fóra da legalidade? Que ocorre coas familias cun pensamento oposto e que cuestionan ou sinalan como depravación o falarmos deste tema nas aulas?

A resposta é clara: perseverar, afrontar, asumir que os avances requiren tempo, paciencia e loita e que as aulas son un lugar transformador cara a igualdade de todas as persoas.

Dende a CUT queremos agradecer inmensamente a labor daquelas persoas que se atreven cos proxectos sobre diversidade, que manteñen erguida a bandeiro multicolor no seu día a día e que buscan un mundo no que teñamos todas espazo, e volvendo ao tema do festexo…… por elas si celebramos!