28 de maio: un ano de loita no Servizo de Atención no Fogar de Redondela

192

O 28 de Maio do 2023 son as eleccións municipais, nas que toca decidirmos o futuro no nosos concellos. En Redondela é tamén a data na que , xusto un ano antes,  empezou a peregrinación das traballadoras e das familias que perciben o Servizo de Atención no Fogar deste Concello. 

Unha loita incansable que perdura ata hoxe. Despois de nove meses, a Alcaldesa no mes de febreiro deste ano, pide auxilio a Consellería de Política Social e Xuventude para que adopte as medidas oportunas, xa que o servizo esta véndose gravemente afectado como consecuencia dunha alta conflitividade laboral nas últimas semanas. Asombroso e incongruente, xa que a empresa é quen incumpre reiteradamente dende o inicio do contrato o prego de condicións (cláusulas administrativas e prescricións técnicas), e é o Concello quen permite chegar a dita situación. Para non ter que asumir responsabilidades claudicou mentindo unha vez máis, pero a resposta por parte da Xunta non foi do seu agrado, xa que lle recordou que é competencia dos Concellos a creación, xestión e mantemento dos servizos sociais comunitarios básicos, polo tanto a xestión do servizo de atención no fogar. 

As familias e beneficiarios/as notificaron sempre ao Concello o seu malestar e a desprotección que sentían, pero todas as súas queixas quedaban agochadas nun caixón, xa que o Concello ten a obriga nun prazo de 3 dias hábiles para remitir copia das reclamacións, xunto cun informe xustificativo dos antecedentes e das actuacións realizadas para a súa xestión á Inspección de servizos comunitarios. Pero nunca o fixeron. Son as propias familias e beneficiarios/as, quen lles transmiten o que acontece en Redondela ao non recibir resposta ás súas denuncias. A finais de febreiro inspección realiza unha visita á entidade xestora e ao Concello; a empresa Osventos uns días despois defende o rigor da súa xestión e a calidade do servizo na prensa. Certo é que para lavarse as mans non teñen libro de reclamacións, así non consta ningunha incidencia no servizo, pero é moi doado buscar nas redes as opinións desta empresa e non sobresaen por ser unha empresa de experiencia contrastada e un historial de xestión rigorosa. Por parte do Concello, silencio. 

Todo o acontecido é sabido por todos os partidos políticos, é responsabilidade de todos eles defender un servizo público. Non se escoitan moitas propostas de precampaña por parte deles. A xestión do Servizo de Atención no Fogar non é doado -pero non imposible- remunicipalizalo. Que se fixen en moitos Concellos galego  e noutras comunidades que rescindiron o contrato cando as empresas non cumpren co prego. Pero para iso precísase de valentía e determinación e, sobre todo, querer facelo; e neste Concello pécase diso. 

A CUT saíu á rúa sempre, e seguirá facéndoo, para dar voz á problemática dos beneficiarios/as e defender a dignidade laboral das traballadoras, porque sen iso non hai liberdade persoal.