25N: Sen as mulleres trans non hai feminismo!

607

O corpo é o todo. O noso corpo, onde habitamos, é o primeiro que lle presentamos ás demais persoas cando nos ven. A nosa clase social, o noso xénero, a nosa racialidade, a nosa gordura, os nosos pelos, as nosas dermatites, as nosas estrías e cicatrices, todo iso habita no noso corpo. O capitalismo e o patriarcado sábeno ben cando nos piden ‘buena apariencia’ nas ofertas de traballo, cando sitúan o traballo dos coidados como unha imposición social para os corpos das mulleres, a discriminación salarial para as persoas con discapacidades, a persecución cara as migrantes a través da lei de estranxeiría ou a directa expulsión cara a marxinalidade, a patoloxización e a persecución a través do non recoñecemento do dereito a existir.

As compañeiras da Secretaría das Mulleres da Central Unitaria de Traballadoras (CUT) colocámonos tamén na fronte da conquista de dereitos. O recoñecemento dos dereitos de todos os corpos, de todas as persoas, de todas as identidades, a ser e existir é indispensábel para chamarnos pobo. Xamais poderán facer un privilexio dun dereito. O feminismo ou é coas mulleres trans e persoas non binarias, ou non é.

Todas nós levamos anos vendo como o feminismo burgués utiliza a súa posición social para confrontarnos e tentar destruír as redes de afectos que construímos loitando xuntas, para  desfacernos como comunidade e perpetuar os seus privilexios, ben sexa negando os dereitos das traballadoras, impulsando a división das mulleres en base ás violencias polas que estamos atravesadas ou liderando unha cultura de vitimización na que elas son as boas e salvadoras e o resto as malas ou as salvadas. En todos os casos, impoñen o seu privilexio individualista sobre o avance das nosas comunidades.

O feminismo burgués, con acceso e poder nas institucións, é cómplice da existencia da lei de estranxeiría, de que as traballadoras do fogar non dispoñan dos mesmos dereitos que o resto de obreiras e do non recoñemento dos dereitos laborais das traballadoras sexuais. Nos últimos meses tamén vemos como este mesmo feminismo burgués agrede ás compañeiras trans e ás persoas non binarias, que erguen a súa forza para reivindicar o seu dereito a ser, a existir e a determinar a súa identidade ante as demais. O feminismo burgués é violencia.

Este 25-N, Día Contras as Violencias Machistas, declarámonos en guerra contra todo o que nos trata de impedir o avance en colectividade. As persoas trans, as non binarias, as que desafían os estereotipos de xénero son as nosas compañeiras, querémolas, constrúen a nosa comunidade, forman parte de quen somos e de quen queremos ser. Os ataques contra as identidade trans son tamén ataques contra nós como persoas, como comunidade e como construtoras desta loita colectiva. Todas as mulleres, trans e cis, sofremos violencias machistas cada día e non nos imos soltar da man. O feminismo de clase, o sindicalismo no que acreditamos, a loita pola que nos erguemos cada día vén da forza da comunidade. É o que construímos dende os nosos corazóns. Camiñaremos berrando sempre: todas con dereitos e ningunha con medo.