Fagamos que o 25 de novembro non se convirta nunha cita simbólica máis. Posuímos unha ferida aberta que nos debe facer parar e reflexionar. Un berro que se escoita desde lonxe, das que xa non están, das que resisten, das que se organizan… Lémbranos que a violencia machista non é un feito aillado senón unha engranaxe que sostén este sistema no que vivimos chamado patriarcado.
A violencia machista está nos traballos e nos coidados, nas rúas, nas casas, nas leis e nos convenios.
“Violencia é que cobremos menos polo mesmo traballo. Que nos despidan por estar embarazadas ou por pedir conciliación da vida familiar e laboral. Que nos impoñan contratos lixo e xornadas parciais que nos manteñen no limiar da pobreza”
Violencia é que cobremos menos polo mesmo traballo. Que nos despidan por estar embarazadas ou por pedir conciliación da vida familiar e laboral. Que nos impoñan contratos lixo e xornadas parciais que nos manteñen no limiar da pobreza. A temporalidade e a incerteza laboral. Que os sectores máis feminizados (limpeza, hostalaría, atención domiciliaria, residencias…) sigan sendo os máis precarios, os máis invisíbeis. Violencia é que os coidados, que manteñen a vida, sigan recaendo sempre sobre as mesmas. Que o sistema de dependencia sexa cada vez máis un negocio lucrativo para o capital e non un dereito das persoas. Que as migrantes traballen sen contrato, sen descanso e sen dereitos. Que as mozas comecen a súa traxectoria profesional coa advertencia velada de que deberán tragar abusos e inseguridade. Violencia é que se nos pida producir, cun sorriso e caladas, que nos rouben o tempo, a palabra e a dignidade.
“A violencia machista endurécese cando o pobo resiste. En Gaza, o xenocidio sega vidas e futuros enteiros. No Sáhara, a ocupación perpetúa o espolio, rouba a terra e o dereito a autodeterminación.”
A violencia machista endurécese cando o pobo resiste. En Gaza, o xenocidio sega vidas e futuros enteiros. No Sáhara, a ocupación perpetúa o espolio, rouba a terra e o dereito a autodeterminación. Nas fronteiras de Europa, as mulleres migrantes son explotadas, violadas e deportadas.
Está presente en cada territorio onde o capital bota raíces, sementando fame e miseria. Por iso a nosa loita é internacionalista, porque a solidariedade é a nosa mellor arma. O feminismo de clase debe ser tamén anticolonial e antirracista. Porque o que lle acontece a unha, en calquera parte do mundo, tamén nos acontece a nós.
“A violencia tamén se exerce contra a terra. Nos montes queimados para plantar eucaliptos, nos ríos contaminados por industrias como ENCE, nas terras que Altri quere converter en celulosa e pobreza”
A violencia tamén se exerce contra a terra. Nos montes queimados para plantar eucaliptos, nos ríos contaminados por industrias como ENCE, nas terras que Altri quere converter en celulosa e pobreza. No rural que se baleira mentres nos venden progreso urbano.
Defender a terra é defender a vida. Defender ás traballadoras, é defender o país. Xa que sabemos que sen territorio non hai vida e sen vida non hai futuro.
Este 25N non debera ser unha cita simbólica máis. Fagamos que sexa un punto de partida. Un recordatorio de que a violencia machista é estrutural e que só se pode combater con organización. A folla de ruta non pode saír dun despacho nin seguir axendas institucionais. Debe escribirse cos pasos que damos a diario. Cada vez que falamos, aínda que nos queiran caladas. Cando acompañamos a quen sofre e denunciamos o que doe. Sempre que tecemos redes para coidarnos entre nós. Cando defendemos a terra como defendemos os corpos.
“Este 25N non debera ser unha cita simbólica máis. Fagamos que sexa un punto de partida. Un recordatorio de que a violencia machista é estrutural e que só se pode combater con organización.”
Non temos un manual definitivo que nos guíe nesta loita. As nosas vidas, experiencias e militancias deseñan un mapa vivo. Un mapa feito coas mans de todas, que se corrixe con cada derrota, medra coas alianzas e se sostén pola visión compartida dun mundo máis xusto.
Cada quen pode preguntarse:
Que podo facer eu para acabar con un sistema que se fundamenta na violencia?
Que pasos estou disposta a dar para acadar unha vida digna?
Estas preguntas deberan ser o alicerce para que deixemos de vivir o 25 de novembro como unha data simbólica máis e comecemos a organizarnos día a día nos nosos centros de traballo, no noso sindicato, nos nosos barrios… Sabemos que o patriarcado é sistema e o capital o seu aliado. A resposta contra estas formas de violencia é organización, pero tamén é memoria e é futuro. Un futuro que só existirá se o construímos xuntas, desde abaixo, con forza e con dignidade.
Secretaría Feminista da CUT












